Entre o 20 e o 27 de outubro

O Festival de Ourense proxecta 15 filmes galegos

A viraxe dun dos certames cinematográficos galegos con máis historia consolídase. Na súa edición número 22, que comeza esta sexta feira e dura unha semana, o Festival de Ourense ofrecerá 77 pezas de maís de 23 países. Entre elas, a obra de 15 directoras e directores galegos. E o cinema independente, en diálogo cos avances lingüísticos e estéticos do medio, domina da programación.
 

9.rapa-das-bestas5-operas
photo_camera Fotograma do filme 'Rapa das bestas', de Jaione Camborda.

O traballo Aser Álvarez sobre o escultor Francisco Leiro, a curtametraxe de Jaione Camborda gravada na rapa das bestas, o documental de Héctor Carré arredor do concepto de "posverdade" e o papel dos medios de comunicación, a ficción intimista de Sara Casasnovas, o acompañamento de Ángel Santos á pintura de Manuel Moldes, ou o cinema ensaio de Carmen Bellas na periferia de Madrid serán algúns dos traballos galegos que amosará o festival.

Na sección oficial, dividida en Competición Iberoamericana e Competición Óperas Primas, participarán unha vintena de filmes procedentes de Portugal, Brasil, Arxentina, Colombia, Rusia, Costa Rica, México, Noruega, Xapón ou Austria.

O festival que, desde hai dous anos, dirixe Fran Gayo, tamén ofrece o programa Áncora, que "asesora e favorece o investimento en proxectos cinematográficos nunha fase de produción avanzada", é dicir, que xa rematasen a rodaxe ou boa parte dela. Esta ferramenta escollerá catro proxectos dos que polo menos un será "de produción ou dirección galega" e outorgará dous premios destinados á posprodución de imaxe e de son.  

Na presentación do programa a pasada semana, Gayo salientou a súa procupación por "renovar públicos" e "despregar o festival ante a cidadanía". O Concello de Ourense organiza o certame, co apoio da deputación, o ministerio e a Xunta.

Comentarios