domingo 24/10/21

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo reforza a competición

Terá lugar entre o 13 e o 17 de outubro no Auditorio do Concello e nos cines Salesianos de Vigo.
Fotograma de 'De chaque instant', de Nicolas Philibert.
Fotograma de 'De chaque instant', de Nicolas Philibert.

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo presentará este ano 28 fitas entre o 13 e o 17 de outubro no Auditorio do Concello e nos cines Salesianos, nunha edición especial marcada pola crise sanitaria que a organización decidiu trasladar á pantalla. De feito, varios dos traballos audiovisuais que se van proxectar buscan dar a coñecer e a pór en valor o traballo das profesionais da saúde.

A primeira peza que cumprirá con este obxectivo proxectarase fóra de concurso no acto inaugural do certame. Trátase de De chaque instant, o último documental de Nicolas Philibert, considerado un dos mellores documentalistas de Europa e do mundo. Após estar ingresado no hospital decidiu asinar esta obra sobre a vocación do persoal de enfermaría.

Tres novas seccións

Malia a pandemia, o Festival de Cine Inclusivo decidiu reforzar a competición coa incorporación de tres novas seccións: curtas documentais, longas de ficción e webseries.

A actividade documental dividirase na sección Vig-In-Doc, dentro da que se proxectarán Crip Camp (A Disability Revolution), Midnight Family / Urgencias en México DF e Ara Malikian, tres longas documentais pola inclusión ás que se sumarán as curtas da sección Short-In-Doc: Carne, Un viaje inesperado, Woman, Paraíso, El monstruo invisible e Otra forma de caminar. A estes apartados suma a sección Inclusive de longametraxes de ficción, con Nematoma (Bailando en la niebla), Cuerdas e Remember me; e a sección de curtas de ficción audioescritas e subtituladas.

Accesíbeis

Co obxectivo de achegar o cine a todas as persoas, as proxeccións incluídas nesta sección, todas galegas, serán accesíbeis para as espectadoras con problemas de visión ou audición: Homoaquia, Para sempre Malévich e Xoves de Comadres, ademais de Orquesta Los Bengalas, Operación R.A.E., El método PIGS, There Will be monsters, Loca e Polter.

Outra das novidades do festival é o concurso de webseries online. O público xa pode ver as cinco series que participan nesta primeira edición a través da web do festival e votar a súa favorita. O festival contará con actividades paralelas dirixidas a crear conciencia sobre a inclusión.

comentarios