Comeza esta cuarta feira

O Festival de Cans fai quince anos ampliando a súa programación infantil

O festival de curtametraxes de produción galega chega á súa 15ª edición reforzando o seu abano de actividades dirixidas ás crianzas. Desde o ano 2004 o Festival de Cans converte durante catro días as adegas, alpendres, galpóns e cubertos desta parroquia de O Porriño en salas de proxección improvisadas.

Festival de Cans
photo_camera O "agroglamour" do Festival de Cans

Cine e música mestúranse nunha nova edición do Festival de Cans, que este ano reforza o espazo infantil Minicans co fin de atraer a todos os públicos. O “agroglamour” volverá encher as rúas de Cans os vindeiros 23, 24, 25 e 26 de maio, durante os que se prevé que a aldea porriñesa acolla arredor de 13.000 asistentes.

Por primeira vez, as actividades infantís ocuparán a xornada da sexta feira e sábado na contorna do Parque do Río, cun programa que inclúe obradoiros de cinema, música, proxeccións didácticas e maxia, entre os que destacan o espectáculo “O Cinematomago”, o contacontos ilustrado sobre María Casares e a proxección musicada “Therefilme” de Paula Nimoy, cuxas entradas xa están a venda neste enlace. O resto de actividades son de entrada libre até completar aforo.

O festival dará inicio na cuarta feira 23 de maio a partir das 10:00h. Ás 11:00h hai organizado un roteiro cinéfilo-literario da man de Carlos Meixide, que rematará no Baixo de Moncho con “Pioneiros”, o coloquio a cargo de Manuel Lourenzo e Pilar Pereira. Será a partir das 22:00h cando comece a coñecida como “Noite dos veciños”, durante a cal presentarán o seu xurado particular para máis tarde estrear o documentario Dona Sara: A mestra rebelde, realizado no Proxecto Cans 303. A velada rematará coas actuacións das Pandereiteiras de Cans e os acordeonistas Acordecans.

Ao día seguinte Berta Ojea, Tamara Canosa e Mariana Fernández presentarán ás 11:30h no Baixo de Moncho o coloquio sobre igualdade “Que avanzamos no último ano?”. Unha vez rematado comezará no mesmo lugar o Encontro sobre subtitulado e linguas minorizados, un faladoiro con Álvaro Gago, Pablo Romero-Fresco e Alfonso Zarauza. O filme de apertura da xornada comezará ás 17:00h no Círculo Recreativo Cultural con British Winters, estrea na que tamén participan os directores Roque Cameselle e Andrew Turnet. Ás 20:00h será a quenda do filme A estación violenta, coa participación da directora Anxos Fazáns, o escritor Manuel Jabois e os intérpretes Nerea Barros, Alberto Rolán, Xosé Barato e Antonio Durán “Morris”.

A gastronomía tamén terá o seu oco co showcooking dos cociñeiros Lucía Freitas e Beni Couso, onde os asistentes poderán degustar, a partir das 20:30h na Praza do Concello, as “Tapas de Cinema” que estes dous talentos da gastronomía galega teñen preparadas. Ás 23:30h, Esteban & Manuel fecharán a xornada cun concerto na mesma praza. Na sexta feira 25 de maio Nieve de Medina, Isabel Blanco e Nieves Rodríguez presentarán, a partir das 11:30h no Baixo de Moncho, un coloquio sobre o acoso sexual no sector. Ás 20:30 Luís Davila inaugurará no Cans Voulevar a exposición retrospectiva de “O Bichero”.

Depedro, Treboada Baixo Miño, Triángulo de Amor Bizarro e Sesión Discochimpín serán os encargados de poñerlle música á xornada, con concertos ás 21:00h, 21:30h, 00:00h e 01:30h, respeitivamente. Cumpre destacar tamén o xa tradicional desfile de chimpíns, con saída ás 22:00 desde o Baixo do Moncho.

A xornada do sábado abrirá ás 10:00h co primeiro pase da Sección Oficial de Ficción e Animación. Cabe mencionar a proxección de Contra o lume, unha selección de pezas audiovisuais arredor do problema dos incendios. Será ás 10:30h no Jalpón de Alicia. Ás 12:00h Fernando Trueba ofrecerá un coloquio no Espazo Mahou da Leira de Alicia, que tamén acollerá, a partir das 16:00h o “Dálle caña!”, un encontro de curtametraxistas das seccións de ficción e animación. Simultaneamente o Cuberto da Mucha do Peso acollerá a estrea de Sevilla y Gomorra, onde participará o seu director, Ángel Filgueira.

Ás 17:00 será a quenda de Gracia Querejeta, cun coloquio na Leira de Alicia que comparte horario co primeiro pase de FuraCans, a Sección Oficial de Non Ficción, na Casa de Mari. Burning pecha o último día de festival cun concerto no Torreiro de Cans ás 00:30h continuado pola Sesión Discochimpín, desta vez co DJ Rafa Morcego.

Comentarios