O Festival Atlántica de Narración Oral recorre á fila 0

“Compostela arrecende a conto” din desde o Festival Internacional de Narración Atlántica que chega a súa terceira edición co lanzamento dunha fila 0 de colaboración porque, segundo sosteñen,  todos os ventos son necesarios para chegar a bo porto. 

Sole Felloza
photo_camera Sole Felloza

Dirixido por Soledad Felloza, a terceira edición do Festival Internacional de Narración Oral desenvolverase dos días 12 a 19 de marzo en distintos espazos de Compostela. 

Contadores e contadoras galegas mais tamén de Inglaterra, Portugal, Xapón, Uruguai, Canarias e Zamora participan nos sete días de programa no que, alén dos espazos individuais haberá propostas colectivas como a homenaxe ao gran contador inglés Tim Bowley na súa xubilación ou a conmemoración do décimo aniversario da páxina web Galicia Encantada no Museo do Pobo Galego da man de Antonio Reigosa. Como as datas do Festival inclúen unha sexta feira día 13, o programa acolle para esa xornada unha “Noite negra” para “conxurar os males a través de historias que chegan dos catro puntos cardinais do Mundo”. Os contos de Yoshi Hioki, Paula Carballeira, Guti, Soledad Felloza e Sofía Maul servirán para escorrentar os medos de quen sucumba ás supersticións. 
Ana Lage desde Portugal, Sofia Maul de Madeira, Yoshi Hioki de Xapón, José Campanari de Arxentina, Guti de Zamora, Patricia MacGill de Uruguay, Magda Labarda de Canarias ademais das intervencións galegas de Pepo Suevos, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Avelino González, Charo Pita, Ana Carreira, Federico Pérez, Celso Sanmartín, Antonio Reigosa, Pavís Pavós ou o alumnado do Centro de Investigación da Oralidade de Vigo integrarán o intenso programa deste festival que é xa referencia como encontro do mundo da narración oral. 

Con premio

Para contribuír ao financiamento do festival, a organización activa unha Fila 0 de colaboración a 10 euros. Quen participe cunha achega recibirá unha chapa do Festival e entrará no sorteo dunha noite con cea e almorzo no en Parada das Bestas e dunha cea para dous en dous locais de Compostela, A Curtidoría e Casa Marcelo. “Se es dos amantes dos contos e estás lonxe, se non podes vir, ou se podes pero pensas que os contos son algo que debe guiar como un faro a todos aqueles que se achegan ao calor das historias, precisámoste”, animan desde a organización do Festival para que a Fila 0 estea completa no inicio da programación.

Case 100 representacións para público infantíl, bebés e adultos son o balance das dúas anteriores edicións aos que se sumarán os sete días de programación do programa do 2015 que converterán de novo Compostela nunha cidade de conto. 

Comentarios