Festival de Teatro Clásico

O Festival de Almagro réndese ao teatro galego

Cris Iglesias en 'Arte sen guión', de Galeteatro.
Galiza será a invitada no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro 2022, que se celebrará entre o 30 de xuño e o 24 de xullo. Alí, catro compañías galegas presentarán espectáculos teatrais e un concerto, que mostrarán a "visión galega do Século de Ouro" neste evento, un dos máis reputados do xénero.

O Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 24 de xullo, contará coa escena galega como invitada especial da súa 45ª edición. Onte o director do festival, Ignacio García, e o Conselleiro de  Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentaron na Cidade da Cultura de Compostela a programación especial que se lle dedicará ao teatro galego no seo do encontro. 

O Festival de Almagro é considerado como un dos máis importantes do seu xénero, xa que está dedicado, principalmente, ao teatro dos séculos XVI e XVII tanto de occidente como de oriente.  Malia que nun principio atendía exclusivamente ao teatro do Século de Ouro español, o festival foi ampliando a súa mirada cara a outras escenas, como o teatro isabelino inglés, o neoclásico francés ou certas formas teatrais de Oriente. 
Galiza, segundo o director do festival, segue a senda aberta por Almagro "para descentralizar o canon" do teatro clásico peninsular, habitualmente moi concentrado nos textos en lingua castelá e prestar atención a "outras teatralidades clásicas", como en anteriores edicións se fixo con Nafarroa e Valencia. 

 

 

A compañía Moving Compass presentará unha versión do Auto da Barca, de Gil Vicente, unha das obras fundamentais do teatro clásico portugués. A compañía constrúe a partir do texto vicentino unha proposta que recolle elementos do teatro de monicreques vietnamitas e o desexo de explorar a auga como escenario para a creación dramática. A partir de máscaras e marionetas a obra percorre a relación do ser humano coa auga ao longo da historia, desde a súa veneración como elemento sacro até a súa apropiación e destrución por mor da ambición humana, nun espectáculo que pretende estimular o compromiso coa natureza ao tempo que enxalza os valores da paisaxe. 

En Arte sen guión, da compañía Galeteatro, catro comediantes representan as pezas recollidas nun estraño códice da Idade Media. A través desta ficción, a obra pescuda sobre a posibilidade dun teatro clásico galego do que, polo de agora, apenas se coñecen textos escritos. Partindo do estudo das estruturas narrativas e dramáticas medievais e dos materiais en lingua galega previos ao Rexurdimento, e coas ferramentas da improvisación contemporánea, a comedia e a música, Arte sen guión propón unha nova lectura do patrimonio cultural galego. 

Estrela do día é a proposta que Producións Teatrais Excéntricas levará a Almagro. Escrita por Quico Cadaval a partir das Cantigas de Santa María de Afonso X e dirixida por Marcos PTT Carballido, a obra recrea un mundo que abaneaba entre “o terror milenarista e a peste negra”, o que permite estabelecer. a través do humor, certos paralelismos coa sociedade contemporánea. 

Ademais, Almagro será o escenario da estrea absoluta de La Toffana, de Vanessa Montfort e con dirección de María Herrero, unha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa compañía da Coruña La Quintana Teatro e a madrileña Proyecto Barroco. A obra recrea o caso de Giulia Toffana, unha muller italiana famosa por elaborar e vender un veleno que non deixaba pegadas a mulleres que era vítimas da violencia dos seus esposos, co obxectivo de asasinalos.

A programación especial completarase cun concerto de Xoán Curiel e Xosé Lois Romero centrado nas cantigas de amigo e textos galegos do Século de Ouro. Nel presentarase unha versión musicada das Décimas ao Apóstolo Santiago, escritas por Martín Torrado Mariño, un sacerdote de Santa María de Leiro, en Rianxo, en 1627.