Lugo prepárase para un San Froilán con máis de 200 actividades e previsión de bo tempo: consulta aquí o programa completo

Centos de persoas paseando polas rúas de Lugo no San Froilán de 2022. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
No apartado musical salientan as actuacións de Grande Amore, Luar na Lubre, Carolina Durante ou La M.O.D.A..

O San Froilán, a festa do outono galego, volverá encher as rúas de Lugo un ano máis, cunha edición que se celebrará entre os días 4 e 12 de outubro e que contará con máis de 200 actividades, un centenar de actuacións musicais e unhas previsións meteorolóxicas que apuntan ao bo tempo na cidade amurallada. Cun orzamento municipal duns 700.000 euros, a Praza de Santa María e a Praza Horta do Seminario acollerán concertos de grupos destacados do panorama estatal como Carolina Durante, Rayden, Ciudad Jara ou La M.O.D.A., así como de artistas recoñecidos a nivel internacional como Eliades Ochoa ou grupos galegos que encheron salas e festivais nos últimos meses, como The Rapants ou Grande Amore, ademais de clásicos como Luar na Lubre ou De Vacas, entre outros.

A proposta do departamento de Cultura do Concello ten como obxectivo achegar concertos de "artistas coñecidos e emerxentes con diversos estilos e xéneros musicais para que todas as persoas de Lugo e as que se acheguen poidan gozar de actividades do seu gusto". Ademais, o San Froilán contará con actividades tradicionais como o desfile do traxe tradicional, que este ano alcanza a súa 51 edición, ou o desfile de gando.

A edil de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que a cultura tradicional galega conta "cun importante peso" na programación con actividades como o XXI Festival de Música Tradicional de Cantigas e Frores; a Verbena Galega D'antes; ou a XXV Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos e que animará as rúas do centro histórico con máis dunha decena de agrupacións tradicionais.

Tamén o 'San Froilán Miúdo' celebrará na carpa do aparcamento do Seminario e noutras rúas de Lugo unha nova edición cunha vintena de actividades para toda a familia. En total, o programa conta con 50 concertos en escenarios e perto de 90 actividades de rúa, con pasarúas, espectáculos itinerantes, maxia, humor e animación nos barrios, que comezarán tras o pregón, a cargo da investigadora Sonia Villapol. Será a vindeira cuarta feira, ás 20 horas, no Concello.

Axenda musical

Tras o pregón, comezarán nove días de moita festa e moita música, que arrincarán esa mesma cuarta feira co concerto de Carolina Durante na Praza Horta do Seminario a partir das 22 horas. Na Praza de Santa María, o encargado de pór a nota musical ese día será Triquell (23h). A quinta feira, día de San Froilán, será a quenda de Shego (21h, na Praza de Santa María), Elíades Ochoa (22h, na Horta do Seminario) e verbena coa orquestra Cinema na Praza de Augas Férreas.

Xa na sexta feira, a música na Praza de Santa María correrá a cargo de De Vacas (21h) e de The Rapants & Galician Army (23h). Na Horta do Seminario, ás 22 horas, subirá ao escenario o rapeiro Hard GZ.

O sábado estará cargado de actividades e actuacións musicais por toda a cidade, que concluirán cos concertos de Catuxa Salom (21h) e de Grande Amore (23h) na Praza de Santa María, e dos valencianos Ciudad Jara (22h, na Horta do Seminario). E para o Domingo das Mozas, a programación musical recolle o concerto de Enredadas (21h, na Praza de Santa María) e de Baiuca (22h, na Horta do Seminario).

O inicio da segunda semana de San Froilán traerá a Lugo a actuación na Praza da Mosqueira dos Revelators (20h) e de Luar na Lubre na Praza de Santa María (21h).

Milesios (20h, na Praza da Mosqueira) e Israel Fernández (21h, na Praza de Santa María) serán os protagonistas a terza feira día 10, mentres que na cuarta subirán aos escenarios do San Froilán Pongo (20h, na Praza da Mosqueira), La M.O.D.A. (22h, Horta do Seminario) e Viva Belgrado (23h, Praza de Santa María).

O feche das festas porano Balkan Paradise Orchestra (22h, Praza de Santa María) e Rayden (22,00h, Horta do Seminario), ademais de Terrae (23h, Praza de Santa María).

Unhas festas "descomunais"

O presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo (Apehl), Cheché Real, espera que este San Froilán siga o mesmo curso que os celebrados despois o Covid e mesmo após este verán que, asegurou, "foi estupendo". Nun contexto de "dificultades económicas pola inflación", Cheché Real mostrou o seu optimismo porque sexan unhas festas de "máximo éxito". "A climatoloxía creo que vai acompañar. Estou seguro de que terán moitísimo éxito e se o tempo acompaña serán descomunais", sinalou, en declaracións á axencia Europa Press.

Real confía en que se enchan as rúas e os locais de Lugo, especialmente durante a fin de semana, pero tamén pola semana, posto que "as casetas do polbo e as barracas, con bo tempo, atraen moitas familias non só de Lugo, tamén da provincia, que aproveitan durante a semana para ir ao San Froilán".

A pesar de que o Arde Lucus incrementa ano a ano a súa afluencia de xente e tamén a recadación para os bares e restaurantes de Lugo, Real afirma que o San Froilán "segue sendo o rei", tendo en conta tamén que, malia que o Arde Lucus "vén forte", é unha festa que dura unha fin de semana, mentres que a festa de outono se estende durante máis dunha semana.

Reforzo da seguridade

No marco desta festividade, a Xunta local de seguridade acordou que a Policía Local reforce todas as quendas, especialmente durante os festivos e as fins de semana, pondo en marcha un dispositivo especial que estará operativo desde as 8 horas até as 6h da madrugada.

"Dentro do recinto feiral concentraranse até tres patrullas, ás que se sumará outra máis dedicada a dirixir o tráfico e regular a circulación na contorna da Muralla a favor da seguridade viaria; así mesmo, haberá dunha a tres patrullas na zona centro, en función da afluencia de persoas", detallou a alcaldesa, Lara Méndez.

Así, desde esta sexta feira, que comezou o funcionamento das atraccións e postos, até o día 12, ademais dos efectivos destinados á quenda ordinaria de traballo, disporase dunha media de catro patrullas no recinto feiral e outras tres na zona de influencia do mesmo.

Tamén a Subdelegación do Goberno cooperará co Concello no despregamento do dispositivo de seguridade das festas para que as actividades e eventos programados decorran con total normalidade, a través da acción dos dispositivos da Policía Nacional, Garda Civil e o Subsector de Tráfico.