A Festa dos Botes de Arzúa xa ten as súas primeiras confirmacións
A Festas dos Botes vén de anunciar os primeiros artistas que formarán parte da súa 43ª edición, que se levará a cabo o 7, 8 e 9 de agosto en Arzúa. As datas confirmáronse a comezos de febreiro cun vídeo que poñía o foco nos mozos que en 1982 recuperaron a festa, despois de que esta fose censurada polo franquismo desde. "Nesta edición queremos botar a vista atrás e pór en valor o traballo feito pola mocidade arzuá nestes 44 anos para que a festa siga adiante", sinala Joaquín Saavedra, presidente da Asociación Xuventude Arzuá.
A Festa dos Botes pretende ser un punto de encontro da mocidade no rural galego, creando un espazo cultural accesíbel –ao ser todos os concertos de balde– no interior do país. Unha aposta pola mocidade, "a nosa finalidade sempre foi reivindicar o 'XA' (Xuventude Arzuá), posto que a mocidade somos os encargados de preservar a festa".
Artistas confirmados
Esta edición da festa abrirá a porta a artistas estatais, mais sendo as cabezas do cartel grupos galegos, apostando así pola presenza do galego nos escenarios. Os grupos confirmados até o momento amosan a esencia do festival, apostando por grupos galegos emerxentes e xa consolidados no panorama musical, así como garantir un cartel "en igualdade de condicións" entre as mulleres e os homes.
9Louro, "unha das irrupcións máis potentes no panorama musical galego, sendo quen de encher a Sala Capitol de Compostela en apenas unha hora cos seus ritmos urbanos que representan unha nova corrente musical na nosa lingua" é un dos artistas convidados. Tamén Familia Caamagno, "un dos grupos consolidados na escena galega". A banda de Sigüeiro estará presentando na Festa dos Botes o seu último traballo, Disco Comarcal.
Bratzantifa é outra das bandas elixidas. "Naceu no confinamento nunha cociña dun pequeno piso de Compostela, facendo música cun móbil, un feito que non lles impediu romper barreiras, chegando a gañar o concurso Novos Valores do Festigal en 2022", ñembran desde a organización. Ademais, Latexo Percusión Escola traerá a Arzúa os ritmos do mundo. "Máis de 30 persoas encheran as rúas da vila con música e festa ao son dos seus tambores".