A festa do país revive na Coruña (o libro, veremos)
A Romaría de Santa Margarida remata a semana da música e do baile tradicional na Coruña, que gaña espazo, recoñecemento social e adeptos de todas as idades. Na cidade, gaiteiros e bailadores están máis presentes que nunca nas rúas mentres Radio Cos e Luar na Lubre axudan a manter viva a chama, un tanto apagada, do folk.
Rosa bota unha malagueña e conta como, cando moza, na aldea as mozas tascaban o liño e a noitiña subían a un alto para que desde todas as aldeas da contorna se escoitase a foliada e moceaban “e pasabámolo moi ben, moi ben”. Rosa é unha das cantareiras e pandeireteiras das Encrobas e canta e conta que é unha malagueña no patio de cemento diante do local social do Relámpago, diante de un cento de mozas e mozos papando churrasco e cervexa. As Pandeireteiras das Encrobas son as convidadas hoxe na foliada de cada cuarta feira en Elviña. É un día especial porque David Fontán e tres compañeiros, Olaia, Raquel e Álex, presentan hoxe Punto e Volta, un proxecto de xornalistas que deu nunha web na que a través de entrevistas e vídeos queren “entender como vive a xente de diferentes idades a música tradicional, como vai mudando a transmisión e como se adapta aos tempos e cal vén sendo a súa función social hoxe en día”. A familia de Fontán é das Encrobas, mais el vive na Coruña. Na cidade hai rebumbio de foliadas estes días. Na terza feira foi a festa da fresa en Eirís, cos rapazas e rapaces de Son d’aquí animando o baile. Onte na Cova Céltica proxectouse o documental DefolXXI, de David Ramos, sobre gaiteiras e gaiteiros. E logo foliada. Hoxe mesmo na Repichoca, outro espazo con programación estábel, haberá outra despois dun coloquio sobre a música e o baile tradicional.
“A música tradicional é a de antes”, explican Olaia Tubío e Álex Gándara, “a que se facía aquí no país antes da televisión e antes da globalización. Non somos etnógrafos, pero gustaríanos pór en cuestión ese purismo de que a música tradicional é a que vén do rural e falar de como a transmisión condiciona, por exemplo, os roles de xénero. Hai que separar tradición e pureza”. En Punto e Volta, están as Pandeireteiras das Encrobas “que crean comunidade a partir da música”; e Chus Caramés e Carme Campo, bailadoras e mestras , autoras de Andar cos tempos, un traballo que afonda sobre o xénero na tradición; están Xulia, ela si etnomusicóloga, e Guillerme, compilador; ou Teresa dos Cucos, Basilisa e Jesús, “músicos e informantes” de Malpica.
A música e o baile vivirán a súa gran festa esta fin de semana na Romaría de Santa Margarida, onde o folk (Radio Cos e Luar na Lubre) porá o ramo a noitiña. A romaría recuperouse para a tradición o ano pasado a través do programa Ardelleoeixo construído en torno a tres agrupacións tradicionais Xacarandaina (a veterana), Donaire e Son d’aquí. “Durante o franquismo, as agrupacións culturais mantiveron a tradición, pero tamén a transmitiron dun xeito determinado: fixando unha norma nos traxes e na coreografía, limitando a música aos escenarios, afastándoa da festa. Estaban dirixidas pola Sección Femenina como parte dunha folclorización da cultura galega”, explica Olaia. Ardelleoeixo, co apoio do Concello, marcou un fito a finais do 2015 cunha foliada no Campo da Leña. De súpeto, a música tradicional reviviu na cidade.
“Eu penso que perdemos a vergoña do noso”, di María Barbeito, presidenta das Pandeireteiras das Encrobas antes de comezar a foliada en Elviña. Son 70 mulleres na asociación e case vinte empezaron “desde cero” a tocar a pandeireta. María Prado, a seu lado, conta como desde hai uns anos organizan alá un festival de música e cada nova edición lle choven as peticións para ir tocar. “Este abril xuntamos dezaoito grupos. Si penso que a xente foi perdendo a vergoña. Nós imos a onde nos convidan, desde o Luar até Vilagarcía”.
Olaia e Álex repasan a listaxe de foliadas na cidade e advirten que o que aconteceu na Coruña pasou tamén en Compostela, en Ferrol, e que no rural, “non tanto”, pero houbo e hai foliadas “míticas” como Cabaleiros, ou o Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz), falan das foliadas como ferramentas de valorización social do noso e para crear vínculos de comunidade. Din que hai xente que empezou a cantar con oitenta anos, algunhas tiñan a experiencia esquecida, ou contan do grupo da Pontraga (Tordoia), “rapazas e rapaces de quince anos” que bailan rompendo os roles de xénero, que eses roles tampouco estaban fixados na tradición como documentaron as autoras de Andar cos tempos.
O libro cen por cen galego na romaría
Pasa no libro, tamén. Boa canteira, pouca visibilidade. “Pode que nós non teñamos perdido a vergoña do noso”, reflexiona Emma Pedreira, escritora e animadora de Libros a Monte, a feira dento da festa. Na Romaría de Santa Margarida, o libro galego na Coruña viu unha oportunidade de se reivindicar despois da desfeita da pasada Feira do Libro. “Pode que a música si consiga atraer moito público, por espontánea, inmediata. A nós, á literatura, quédanos moito por facer para chegar á xente a través da oralidade, espontánea, inmediata”.
Emma Pedreira, as libreiras, as escritoras e escritores noveis, buscarán refuxio e público desde os arcos da Casa das Ciencias o domingo, mañá e tarde, na romaría. Libros a Monte é unha iniciativa de escritoras e escritores da cidade que queren demostrar que, coma na música, pode haber feiras do libro “cento por cento en galego”. E que ademais da gastronomía, dos xogos e da música, na festa ten que haber sitio para o libro porque na Feira oficial houbo pouco. Así que, perdendo a vergoña, o libro procura o acubillo da música e, se cadra, revivir (ou empezar a vivir) tascando o liño na rúa.
As fotos inseridas no meio do texto, todas da autoría de E.D., son: (1). Álex e Olaia, de Punto e Volta; (2). Antonio Prado, de Donaire; (3). Pandereiteiras das Encrobas en Elviña. Rosa, a primeira pola esquerda, e María Pardo, no centro.