O ferrolán Roger Arias levou as súas cancións ao festival inglés en honra de William Blake
19 de agosto de 2019 (14:27 h.)
A poesía de William Blake (Londres, 1757-1827), rebelde e visionaria, excepcionalmente singular, coñeceu sempre certa fortuna musical. Adaptacións a todo estilo sucedéronse ao longo dos anos. As do ferrolán Roger Arias, axustado folk ácido, viaxaron esta fin de semana ao Glastonbury Blake Festival, en Inglaterra.
Strange Mystery Flower sing William Blake titúlase o disco co que asistiron á celebración da vida e obra do poeta -tamén pintor e gravador de universos particulares- en Glastonbury. Alí compartiron cartel con Michael Law, Marty Radcliffe ou Nathan Lewis Williams.
Antes de se adentrar nos mundos de William Blake, Roger Arias, Roger de Flor, facturara traballos como Roger de Flor presenta a: Os Silvestres (2013), un bonito tratado de folk do cotián e enaltecemento das pequenas cousas. Naturalidad silvestre (2009), El mundo está loco, loco, loco... (2011) e Apelón (2015) completan, con cancións en galego, castelán, inglés e mesmo italiano, a súa discografía.