Felipe Arias, historiador e museólogo: "Din que as leis de patrimonio son boas, pero hai que facelas cumprir"
—Este sábado imparte unha conferencia na xornada 'Castros, investigación e patrimonio', organizada por A Castronela en Friol (comarca de Lugo). É importante explicar o traballo que hai nas investigacións para que a poboación valore e coide o patrimonio?
Si, claro, é fundamental que toda a sociedade coñeza e asuma o seu patrimonio cultural, e que as investigacións, arqueolóxicas e históricas ou de calquera outro tipo, se acheguen dalgunha maneira a todo tipo de público. Por outra parte, demasiadas veces ouvimos ou lemos que hai que traballar e coidar o patrimonio “porque así virán moitos turistas”, o que, de ser de forma sostíbel, non está mal, pero sobre todo hai que facelo pola nosa propia obriga moral e legal, para salvagardar e transmitir a nosa identidade como unha comunidade diferenciada desde hai moitos séculos.
—Que aspectos sos os máis descoñecidos da cultura castrexa?
A arqueoloxía e a historia, como ciencias sociais que son, están avanzando continuamente e no ámbito da cultura castrexa, como unha das nosas etapas máis definitorias, sempre se foi medrando no seu coñecemento desde comezos do século XX coa Xeración Nós, pero como acontece en toda disciplina é certo que cantas máis cousas sabemos máis nos damos conta do que ignoramos.
Nas últimas décadas ampliouse o coñecemento das etapas denominadas de transición, tanto a de inicio desde o Bronce Final como a de devalo (que non total desaparición) do mundo dos castros, igual que se afondou no estudo da organización social dos galaicos, da súa vida material, das súas manifestacións “artísticas” (das que sabemos que moitas veces non eran concibidas nin realizadas como tales) ou das súas crenzas. Disto tamén falarei en Friol.
—Faltan espazos para divulgara esta etapa da historia? Deben mudar e actualizarse os actuais?
O concepto e a palabra museo implica, entre moitas outras cousas, como a conservación e a investigación, a existencia dunha colección patrimonial do tipo que sexa, pero está claro que cómpre potenciar tamén outro tipo de centros, áreas ou ámbitos para complementar e difundir o coñecemento de elementos ou conxuntos patrimoniais (non só arqueolóxicos evidentemente). O problema xorde moitas veces da falta de implicación das distintas administracións, é dicir da falta de interese e/ou de recursos económicos e humanos para promover e manter tales espazos, e mesmo tamén pola apatía ou desleixo da sociedade.
—Preocupa a conservación do patrimonio nas últimas décadas. En 2018 unha escavadora esnaquizaba un castro para plantar eucaliptos. Falta máis lexislación ou que se aplique a que xa existe na actualidade?
Sempre se dixo que a lexislación é boa ou bastante boa e que o problema é cumprila e facela cumprir, e isto non só afecta á sociedade senón tamén a todo tipo de administracións implicadas que, en realidade poden ser todas pero sobre todo a Xunta e os Concellos. Os xacementos arqueolóxicos, inventariados en calquera das categorías previstas na normativa legal, nas últimas décadas aumentaron moito. A razón de que isto aconteza é que os catálogos deben estar sempre abertos a novas incorporacións. Por este motivo contan cunha protección específica que inclúe a súa contorna, sexa esta xenérica ou expresamente delimitada, fronte ás intervencións agresivas. Ademais, a normativa ten en conta non só o subsolo senón tamén a afectación visual e medioambiental.
Hai que lembrar, na liña antedita, que a sociedade ten que implicarse e asumir o seu patrimonio. Calquera persoa ou entidade pode comunicar ou denunciar tales agresións, sen prexuízo da protección que, por obriga legal, deben exercer as administracións, maiormente a que ten as competencias directas (a Xunta) pero non só porque o papel dos Concellos tamén é moi importante.