Falece Xosé Fernández Ferreiro, o escritor que bautizou unha xeración co nome dun afiador

Numerario da Real Academia Galega (RAG), foi responsábel de obras como 'Agosto do 36' -co que gañou o Xerais-, 'A saga dun afiador' ou 'Morrer en Castrelo de Miño', entre outros. A capela ardente está instalada no tanatorio Albia, na Grela (A Coruña), onde mañá, sexta feira, ás 15.15 horas, se lle renderá unha homenaxe.

Fernández Ferreiro
photo_camera Fernández Ferreiro

Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931) deixounos na noite desta quinta feira desde a súa morada no moi coruñés barrio de Monte Alto. Membro da Real Academia Galega desde 2013, gañador do premio Xerais e Premio Galiza de Xornalismo; Fernández Ferreiro foi responsábel de obras de calado na literatura galega. Como 'Agosto do 36' -que lle valeu o Xerais-, ou 'A Saga dun afiador', pasando polo que foi a primeira novela de vaqueiros en galego, 'A morte de Frank González'.

Foi el quen bautizou co nome dun afiador, Brais Pinto, aquel grupo de galegos que vivían en Madrid entre o compromiso co nacionalismo e a esquerda: Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Reimundo Patiño, Fernández-Oxea, Graña... 

A Real Academia Galega manifestou o seu fondo pesar polo seu pasamento, membro de número desde 2013 desta institución, onde hoxe a bandeira de Galiza ondea a media hasta en sinal de loito. 

Ferreiro segundo Alonso Montero

O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, lembra que “a Ourense apelaba tamén o seu primeiro poemario, Ribeirana do Sil, publicado en 1952, cando despois da Guerra Civil aínda case ninguén escribía en galego. Foi un pioneiro como cultivador do galego nese momento. Aquel poemario foi prologado por Florentino López Cuevillas, entusiasmado ao ver que un rapaz novo volvía á lingua que fora deixada tras a Guerra".

Segundo Montero a súa mellor novela era  Morrer en Castrelo do Miño (1978), unha historia da loita dos labregos contra o encoro construído nesa vila. "É realmente unha novela de denuncia do asoballamento que sufriron os campesiños do Val de Castrelo de Miño, e é outra das súas obras que lembro con especial agarimo". 

Xosé Fernández Ferreiro compaxinou a literatura co exercicio do xornalismo, dous mundos interrelacionados aos que lles dedicou en 2013 o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, "Breves reflexións sobre escritores e xornalistas”, ao que lle deu a réplica o tamén escritor e xornalista Manuel Rivas. Nel, mostrábase convencido, malia o moito que se ten repetido que a novela está en crise, que esta nunca morrerá. "Eu coido que a novela non morrerá nunca. Mentres haxa homes e mulleres, mentres haxa vida, amor e odio, ricos e pobres haberá novelas", dicía nunha alocución na que reflexionaba así mesmo sobre a crise dos medios de comunicación.

Manuel Rivas dáballe ese día á benvida no nome da institución a quen definiu como "un afiador" das letras: "O afiador Xosé Fernández Ferreiro vai rentes do chan coa súa roda caligráfica e elévase. Non se eleva para afastarse da realidade senón para mellor vela, cun realismo crítico, que permite o zoom da ollada para profundar tanto no microcosmos como na grande panorámica".
 

Comentarios