Falece a fotoxornalista catalá Anna Turbau, quen inmortalizou a Galiza dos anos 70

Anna Turbau, por Lokis, en 1978.
Faleceu esta cuarta feira sen que se coñezan aínda os detalles do seu pasamento.

Segundo puido saber Nós Diario, a fotoxornalista catalá Anna Turbau (Barcelona, 1949) faleceu na mañá desta cuarta feira de maneira repentina. O traballo realizado por Turbau na Galiza entre 1975 e 1979 é de particular importancia, e suscitou un grande interese no mundo artístico.

Convidada polo Colexio de Arquitectos da Galiza, a súa intención inicial naqueles anos foi documentar o proxecto de vivenda deseñado por César Portela e Pascuala Campos na aldea do Vao (Pontevedra), construída para albergar familias xitanas. Pero a estancia de Turbau na Galiza acabaría prolongándose durante outros catro anos, estabelecendo a súa residencia en Santiago de Compostela en 1976 e traballando como correspondente de revistas como Interviú e Primera Plana.

Deste modo, Anna Turbau, fotoxornalista vinculada á contracultura e ao realismo fotográfico e documental, converteuse en testemuña dos novos movementos sindicais e asemblearios de protesta que comezaban a xurdir nese período de profundo cambio político, social e económico marcado pola chamada Transición española. A fotógrafa documentou, entre outras, as loitas das persoas afectadas pola construción da Autoestrada do Atlántico (AP-9) –durante a cal se cometeron enormes abusos ocupando terras ilegalmente, dividindo núcleos de poboación ou derrubando vivendas sen indemnizar os propietarios–, as manifestacións a prol do Estatuto de Autonomía, o naufraxio do conxelador Marbel fronte a cabo Silleiro ou a primeira edición do festival de Ortigueira.

O pobo como protagonista

A aquelas fotografías seguiron outras sobre as manifestacións en solidariedade cos traballadores de Astano e Bazán en Ferrol e de Ascón en Vigo; sobre as que convocou a Asociación Galega da Muller en 1978  tras a violación de tres nenas na cidade olívica; a manifestación pro-autonomía do 4 de decembro de 1979 tamén en Vigo; o primeiro atentado mortal do Grapo; as eleccións municipais de 1979...

E non só protestas. Turbau tamén fotografou a realidade do rural, as mariscadoras, as festas, as romarías. "O gran protagonista destas fotos é o pobo galego", afirmaba en declaracións a Nós Diario Anna Turbau en xullo de 2023, con motivo dunha exposición da súa obra no Cárcere Vello de Lugo comisariada por Margarita Ledo Andión.

Biografía

Anna Turbau estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na Elisava (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona e descobre unha cidade marxinal e oculta. Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entra en contacto coa Galiza, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a marchar en 1979. Regresa a unha Barcelona onde comeza a traballar na revista Actual e en 1984 na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.