"Pequena historia de Anna Turbau", por Margarita Ledo
É a miña homenaxe persoal a alguén que acó (e aló) produciu outra imaxe das clases sociais sen imaxe, cun vocabulario no que, mesmo nos traballos para a prensa, incorporou os afectos. Dúas das súas fotos de Conxo son parte dos materiais do meu último filme Prefiro Condenarme, a cuxa proxección asistimos xuntas na sala Zumzeig. A súa desaparición, algo tan fotográfico, doe e reaparece en cada un dos dez mil negativos do seu traballo en Galiza que lle legou ao CCG.
Anna Turbau foi esa freelancer que arriba a Compostela para fotografar o que no 1975 aínda non existía nos xornais. E será en Galiza onde defina o que en diante a vai caracterizar no rigor compositivo, na incesante mirada sobre unha contorna na que sempre se sente ben acollida e coa que establece unha sorte de relación amorosa. A morte abordouna ao albor deste 19 de marzo, cando matinaba en proxectos novos para Guísamo, o Bao, outra volta en Conxo.
Polinizada pola foto-ensaio, a súa decisión sobre cada temática e os modos de contala; a súa toma de posición; a independencia como actitude persoal, todo a conduce cara a unha obra que nos explica. Talvez por iso podemos aplicar no contexto da Galiza da fin dos setenta esta opinión de Umberto Eco: as vicisitudes do noso século están resumidas nunha man de fotografías que fixeron época. Esas fotos, pensadas para seren publicadas a partires dos criterios de novidade, interese psicosocial, proximidade na chamada “transición política”, son as de Anna.
E seguiremos queréndote cada vez que emerxa a empatía entre o real, quen o fotografía e quen o mira.
Velaí o afundimento do Marbel, na madrugada do 28 de xaneiro do 1978, a pouco de dobrar cabo Silleiro, que ela relata a través do rostro abisal das mulleres; volvede os ollos para a revolta contra a Autopista do Atlántico, Guisamo, 1979, onde coincidimos; esculcade nas reportaxes que liberaban todo o que se nos ocultaba nas marxes: manicomios, alcoholismo... que é cando lle pedín pola primeira vez fotos para publicar en A Nosa Terra, o periódico semanal que eu na altura dirixía.
Reencontrámonos nos oitenta en Barcelona e fixemos un libro: Linguas mortas. E cando eu, en 1991, regreso para a USC, axiña coordino o seu proxecto expositivo Santiago, pequena historia natural, 1993, que hoxe forma parte dos fondos do CGAI. No medio de múltiples accións e divertimentos, fomos achegándonos ao 2016 cando, co seu fillo Daniel, fago de albacea para a doazón dos seus negativos ao Consello da Cultura Galega. Seguindo o acordado, organizo para este organismo público a mostra A intimidade da imaxe , 2017, ao tempo que Natalia Poncela coordina o libro Anna Turbau. Galicia 1975-1979. E continuaron as idas e vindas porque ela nunca tirou os ollos de Galiza.
Inmensa a viaxe que sempre faremos canda ti, Anna, para atopar esa distancia xusta na imaxe de cada acontecemento e mesmo, como agora, no trauma. E seguiremos queréndote cada vez que emerxa a empatía entre o real, quen o fotografía e quen o mira.