Falece Albert Uderzo, pai de 'Astérix e Obélix'

Uderzo morreu aos 92 anos a consecuencia dunha crise cardíaca "sen relación co coronavirus".

Asterix_e_os_Pictos
photo_camera Xerais foi a distribuidora en galego de 'Asterix e os Pictos', a última obra do guerreiro galo. (Foto: Nós Diario).

O lendario debuxante francés Albert Uderzo, creador xunto ao guionista René Goscinny das aventuras de  Astérix, vén de falecer aos 92 anos, segundo informou a editorial Salvat.

Uderzo morreu a consecuencia dunha crise cardíaca "sen relación co coronavirus", explicaron fontes da editorial, que destacaron que o pasamento tivo lugar no seu domicilio próximo a París, "rodeado do amor da súa familia".

As aventuras de  Astérix e  Obélix e os seus compañeiros na aldea gala, nadas do enxeño e as cores de Goscinny e Uderzo, deron lugar a 38 álbums, dos que se venderon 380 millóns de exemplares en 111 linguas, entre elas o galego.

O primeiro volumen de Astérix que foi traducido editouse en 1976 baixo o selo Mas-Ivars, e tratouse de A loita dos xefes, ao que sucederon Astérix e os Normandos, Astérix Lexionario e Astérix e Cleopatra. Como dato curioso, esta primeira tanda de albumes foron traducidos á nosa lingua por Eduardo Blanco Amor baixo o pseudónimo de Juan Blanco Amor pouco antes do seu pasamento.

Desde 2013 é a Editorial Xerais quen edita uns cómics de Astérix e Obélix, que non obstante, levaban desde 2011 sen ser responsabilidade de Uderzo.

O debuxante galo, que en vida de René Goscinny permaneceu á sombra do seu compañeiro -responsábel dos guións da saga e considerado o máis talentoso dos dous-, tras a morte deste en 1977 encargouse en solitario de crear 11 volumes que ampliaron o universo Astérix, até a súa devandita retirada no ano 2011.

As últimas catro historietas do galo estiveron a cargo dun equipo conformado por Didier Conrad poñendo debuxos ao guión de Jean- Yves  Ferri, un tándem que Uderzo bendeciu como os seus herdeiros, aínda que sempre se gardou a última palabra para si.

Comentarios