A exposición 'Virando o Rosa', de Diana Fajardo, mira o cancro con perspectiva de xénero
A exposición fotográfica ‘Virando o Rosa’ de Diana Fajardo inaugurouse este 16 de febreiro no Claustro Alto do Colexio de Fonseca da USC para outorgar visibilidade ás mulleres diagnosticadas de cancro e a como se están a enfrontar á enfermidade. "Reivindicamos as cicatrices" dixo a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, no acto inaugural. Esta mostra, engadiu, serve para unir as voces na defensa da sanidade pública xa que "a sanidade é a prioridade, a vida é a prioridade". Neste senso, a vicerreitora defendeu a importancia dos diagnósticos precoces.
Sol Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, entidade organizadora da mostra, sinalou que é un "proxecto necesario para a expresión de voces en primeira persoa de mulleres que padeceron ou padecen cancro de mama". Varias das mulleres fotografadas relataron este 16 de febreiro as súas respectivas experiencias destacando a necesidade de humanizar a atención sanitaria xa que "non somos números, nin estatísticas". Entre elas, a tradutora e deputada no Parlamento Iria Taibo, cuxo retrato ilustra o cartel da mostra.
'Virando o rosa' trata a atención ás mulleres diagnosticadas de cancro desde unha perspectiva de xénero. Esta iniciativa, que recibiu o Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña, pivota sobre tres eixos: un libro gráfico, relatorios nas presentacións públicas e unha exposición fotográfica. Con estas tres iniciativas converxentes búscase tratar esta realidade social, amosala e intentar mudar comportamentos sanitarios na abordaxe do cancro e na atención ás mulleres.
"O obxectivo é superar imaxes como o lazo ou o pano rosa que, baixo un discurso de apoderamento e visibilización da recuperación, ocultan outras realidades", explicou Fajardo. "Preténdese dar voz e visibilidade ás experiencias e imaxes das mulleres diagnosticadas con cancro nun momento en que si existe unha presenza mediática das doentes, pero o discurso predominante é case exclusivamente o de recuperación por riba das eivas que tamén se deberían amosar", destacou a autora desta exposición.
Fajardo é fotógrafa documental con máis de 20 anos de experiencia, doce deles co seu proxecto persoal. Algúns dos seus traballos máis salientábeis pódense contemplar de forma permanente na Domus da Coruña. Con exposicións individuais e colectivas, leva dez anos como docente cunha escola de fotografía propia.