A exposición que busca o catálogo no micromecenazgo

A exposición está aberta no Museu da Imagem de Braga, dentro da programación do Outono Fotográfico. O seu curador, Vítor Nieves, busca agora a través de crowdfunding financiar o catálogo de Don't look at my camera, unha mostra que recolle obra de artistas que traballan con fotografía escenificada. 

.
photo_camera .

As exposicións son proxectos de alto custe, no que partidas de seguros, transporte, produción e difusión súmanse até dar en cifras pouco acaídas para os nosos tempos. Os catálogos supoñen un engadido máis que, ás veces, non entran nas contas do proxecto. É o caso de  Don't look at my camera, a exposición da que é comisario Vítor Nieves e que está a buscar no micromecenazgo a posibilidade de editar o catálogo que faga perdurar o proxecto expositivo que está aberto no Museu da Imagem de Braga até o próximo 5 de xaneiro. De non se conseguir o financiamento, ese será o punto final do proxecto. 

“Como sabes, non corren bos tempos para ninguén, pero menos para o mundo da arte”, recolle no convite a partillar do proxecto con cantidades que van desde 5 a 95 € para tornar o efémero da exposición en catálogo permanente. 

A mostra forma parte da Sección Oficial do Festival Outono Fotográfico que celebra a súa 31 edicións a través de 41 espazos e 127 exposicións que se prolongan durante tres meses. Don't look at my camera  recolle obras de Duarte Amaral Netto, Fernando Bayona, Bubi Canal, Félix Fernández, Miguel Ángel Gaüeca, Valentín Jaramillo, Jesús Madriñán, Julia Montilla, Marta Moreiras, Rosa Muñoz, Gonzalo Pérez Mata, Florencia Rojas, Ixone Sádaba, Sandra Torralba, Marta Soul, Damián Ucieda, Cecilia de Val e Rocío Verdejo.

De se conseguir o catálogo, recollerá textos inéditos de Vítor Nieves, responsábel da mostra, autores e especialistas ademais das imaxes da mostra. Para colaborar no proxecto compre premer na páxina de verkami. As recompensas son, maiormente, o propio catálogo.

Comentarios