Eva Alonso: "Cremos que as crianzas deben ser educadas desde pequenas nas accións culturais do país"

Eva Alonso asume a nova directiva de Culturgal no momento en que se celebra o 15 aniversario da feira. Alonso aborda os seus maiores retos, así como as novidades deste ano, especialmente para profesionais do sector, xa que, como ela di, “é a grande aposta desta edición”.
eva alonso
photo_camera A 15º edición de Culturgal, dirixida por Eva Alonso, chega á súa fin este domingo (Foto: César Seijas)

Cales foron os retos á hora de asumir a dirección de Culturgal?

É un proxecto titánico polo que sempre é un reto: dentro do sector todo o mundo sabe o que é esta feira, todo o mundo estivo algunha vez, e ocorre o mesmo a nivel de público, que o ten moi instaurado na súa axenda. Isto é moi motivador, mais tamén impón. Ademais, a programación en concreto a min dábame moito respecto porque penso que é algo que hai que facer con moito mimo e coidado. Por iso agardo ter obtido os resultados que esperabamos. 

Por outra parte, este ano é o 15 aniversario de Cultural polo que imos ter un acto conmemorativo o domingo a última hora da mañá. Non é un evento aberto, senón que asistirán as institucións, as asociacións profesionais e persoas do sector, das colaboracións e dos expositores da feira, que son a columna vertebral desta e, por suposto, deben estar. Basicamente imos festexar estes 15 anos e agardamos que sexan outros 15, como mínimo. 

Hai algunha novidade con respecto a edicións pasadas?

Fundamentalmente este ano fixemos un esforzo para atender as necesidades de profesionais do sector e eu diría que é a grande aposta desta edición. 

A sensación era que a feira estaba un pouco sobrecargada de actividades para o público xeral e que o sector cultural non tiña nada moi concreto orientado en específico para el. Recollemos esa luva que nos puñan enriba da mesa, decidimos darlle a volta e penso que o conseguimos. 

Así, este ano contamos cun espazo físico profesional que está situado no fondo do recinto feiral para que lles permita traballar con comodidade. Este acolle perto de trinta actividades de asociacións profesionais, propostas de empresas, institucións e da propia Culturgal. Non obstante, penso que este ano o espazo é para sementar no sector este cambio de mentalidade, de vir a Culturgal a traballar, a estabelecer sinerxías e mellorar os fíos que unen a industria, e si que o conseguimos porque logramos unha ampla participación nas propostas de actividades que fixeron as asociacións. 

Os resultados destas sinerxías, inclusive intersectoriais -por exemplo coas editorias e o cinema ou co cinema e o teatro-, recollerémolos nos próximos anos. Penso que sairán proxectos moi interesantes nas vindeiras edicións se conseguimos manter e mellorar este espazo profesional.

E a nivel de público xeral?

Introducimos moitas novidades. Por exemplo, o que chamamos os espectáculos especiais das noites: mantemos o tradicional concerto de Culturgal, mais presentamos a danza como novidade. No espazo da arte o mesmo: o espectáculo de Paula Quintas é sorprendente, porque fusiona teatro, circo, danza e funambulismo e conta cunha infraestrutura moi especial.

Por suposto tamén hai cousas que se mantiveron porque funcionan e deben estar aí ao longo do tempo. Exemplo disto é o espazo dedicado ao libro con moitas actividades vinculadas ao sector editorial, conversas con persoas que foron premios nacionais da escrita, etc. O libro sempre ten unha presenza importante en Culturgal. Por outra parte, outra das grandes apostas desta edición, neste caso a nivel de público, é a programación infantil. 

E cal é o papel do público?

A idea que moveu esta programación é facer o público partícipe das actividades, xerar un público activo, non só espectador. É unha programación chea de obradoiros e actividades, aínda que tamén introducimos cine, teatro e música para as crianzas máis pequenas. O público familiar é chave en Culturgal, sempre foi fundamental e non queremos perdelo porque cremos firmemente en que as crianzas deben ser educadas desde pequenas nas accións culturais do país para que, cando medren, sexan adultas espectadoras fieis e que participen da nosa cultura.

Comentarios