Cinema

Palmarés: estas son as películas gañadoras do Festival Curtocircuíto

O popular certame pon o ramo á súa vixésima edición.
Acto de clausura do Curtocircuíto.
photo_camera Acto de clausura do Curtocircuíto.

A vixésima edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto chegou este domingo ao seu final cun acto de clausura no que participaron a alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; a concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo.

Goretti Sanmartín aproveitou a entrega de premios para parabenizar a todas as propostas gañadoras e para transmitirlle a todo o equipo artístico e técnico do festival o seu esforzo por “manter unha plataforma que leva reunindo en Compostela artistas e creadoras relevantes do mundo audiovisual contemporáneo durante dúas décadas, e sobre todo por facer desta 20ª edición unha cita única que quedará para o recordo”.

O director artístico de Curtocircuíto, pola súa parte, agradeceu a todas as persoas asistentes a súa implicación co festival, con especial mención ás e aos cineastas e artistas do audiovisual que participaron de forma activa no programa deste vixésimo aniversario. “Curtocircuíto converteuse de novo nun espazo de encontro entre artistas e público, fomentando a interactividade e abrindo novas conversacións moi necesarias para o crecemento e evolución artística, así como para reconsiderar o modelo de festival e de cidade. Grazas por tanto”, sinalou.

Neste mesmo acto, anunciouse o palmarés desta 20ª edición. As persoas integrantes dos distintos xurados oficiais de Curtocircuíto-Festival Internacional de Cinema decidiron outorgar os seguintes premios:

  • Premio Cosmos á mellor película: Nazarbazi de Maryam Tafakory
  • Mención Especial: March of time de Pedro Maia
  • Premio Cosmos á película máis innovadora: An Asian Ghost Story de Bo Wang
  • Mención Especial: Nearest Neighbour de Rebecca Baron, Douglas Goodwin
  • Premio Cosmos á mellor película española (patrocinado por RC Service): Mamántula de Ion de Sosa
  • Mención especial: La niña mártir de María Pérez Sanz
  • Premio Galiza: Non te vexo de Xacio Baño
  • Premio Supernova (patrocinado por Galicia Calidade): Noitevella 1999 de Uxia Gayoso
  • Mención especial: Elisa de Paula González García
  • Premio do Xurado Novo: An Asian Ghost Story de Bo Wang
  • Mención especial: Neighbour Abdi de Douwe Dijkstra
  • Premio CREA á mellor Dirección Galega: Non te vexo de Xacio Baño
  • Premio #OutraCompostela (patrocinado por Turismo de Galicia e Santiago de Compostela Film Commission): Doddies de Elena Vázquez, Irene Tobío e Beatriz Real
  • Premio do Público (patrocinado por Gadis): Aunque es de noche de Guillermo García López

Comentarios