Un espectáculo galego-cubano para celebrar o centenario do pasamento de Chané

Rosa Cedrón e Alejandro Vargas na presentación do espectáculo [Foto: Eutropio Rodríguez]

José Castro González, máis coñecido como Chané, é un dos grandes compositores galegos xunto con Juan Montes e Pascual Veiga. E un espectáculo musical galego-cubano, liderado polo pianista caribeño Alejandro Vargas e Rosa Cedrón, celebrará o seu legado na Coruña e en Compostela. 

Un espectáculo musical galego-cubano recordará a José Castro González (Santiago, 1856 - La Habana 1917)  no centenario do seu pasamento. Unha selección de músicos de varias nacionalidades, liderados polo pianista cubano Alejandro Vargas, xunto coa voz de Rosa Cedrón, ofrecerán una visión nova e desprexuizada das populares músicas dun dos compositores imprescindibles da historia da música galega. Chané é un dos compositores galegos imprescindibles de fins do século XIX e comezos do XX e un dos artífices da creación da canción galega de concerto, do movemento coral contemporáneo e -en definitiva- da música popular urbana galega. 

 

Os dous únicos concertos terán lugar en Compostela o 29 de xullo e na Coruña o 3 de agosto

 

'Chané na Habana' aborda a totalidade da obra conservada do xenial compositor galego, por primeira vez e dunha maneira inédita: desde o sentir musical cubano. O autor de clásicos como 'Os Teus Ollos' ou 'Un Adios a Mariquiña' viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana e neste 2017, cen anos despois da súa morte, varios músicos de catro nacionalidades distintas abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo cunha nova vitalidade ao maxín popular galego.

Só se ofrecerán dous concertos deste singular espectáculo musical producido por aCentral Folque coa colaboración da Deputación da Coruña e dos concellos de Santiago de Compostela e da Coruña. Será dentro das festas patronais das dúas cidades chanelianas: a estrea será o 29 de xullo na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, e logo na Praza de María Pita, o 3 de agosto. Despois, editarase un disco conmemorativo que se presentará en outono nas vilas de Riaxo e Melide. Serán as últimas ocasións de gozar ao vivo deste espectáculo único.

 

A recuperación dun músico imprescindible

 

A vida e a obra de Chané están fortemente ligadas ás cidades de Santiago de Compostela, A Coruña e A Habana. En Santiago naceu e adquiriu formación musical da man do seu pai (o primeiro Chané), converténdose nun neno prodixio da guitarra e da bandurria e xirando, coa Rondalla Chané, por cafés e teatros de Galiza, Portugal e España. 

 

As obras de Chané espertaron o interese de grandes nomes da lírica internacional e pasou a ser un autor habitual en salas de concertos de Europa e de America e tamén nos catálogos discográficos da incipiente industria fonográfica

 

De adolescente estableceuse na Coruña, onde se consagrou como o músico galego máis popular do momento, en pugna cos grandes mestres Pascual Veiga e Juan Montes, responsables os tres da creación do movemento orfeonístico galego e da popularización da melodía galega de concerto. Chané dirixiu o Orfeón El Eco, formación de referencia co que gañou moitos concursos e recoñecementos, no só en Galiza, senón tamén en Barcelona, Madrid ou París. Nesta cidade é premiada a súa obra 'A Foliada', na que por vez primeira introduce elementos da música tradicional galega nas súas composicións.

 

Marchou a Cuba no 1883, reclamado polo Centro Galego da Habana, onde se encargará do coro Ecos de Galicia e da formación musical no Centro Galego. Logo virían a creación da Sociedad Coral Gallega, de Os Cantores Celtas, o primeiro coro folclórico galego da emigración, a súa implicación en empresas culturais como a creación da Academia Galega ou a súa fraternal amizade com Manuel Curros Enríquez, do que musicaría textos emblemáticos como 'Un Adiós a mariquiña'. Esta e outras obras de Chané espertarán o interese de grandes nomes da lírica internacional como Marino Aineto, Lucrecia Arana, Chalía Herrea, Ofelia Nieto ou Conchita Supervía, grazas ao cal pasa a ser un autor habitual en salas de concertos de Europa e de America e tamén nos catálogos discográficos da incipiente industria fonográfica internacional. A súa popularidade exténdese internacionalmente e pasa a converterse nun mito en vida, ao que as principais personalidades da cultura galega e da música visitan cando viaxan a Cuba.

 

Chané recibiu sepultura, con todos os honores, á beira da tumba de Curros, no cemiterio coruñés de San Amaro, no que foi o enterro máis multitudinario dun músico na historia de Galiza.

 

Finou na Habana en 1917, pero o Centro Galego da Habana transportou axiña os seus restos mortais a Galiza, onde foron recibidos cunha gran caravana fúnebre. Chané recibiu sepultura, con todos os honores, á beira da tumba de Curros Enríquez, no cemiterio coruñés de San Amaro, no que foi o enterro máis multitudinario dun músico na historia de Galiza.

 

'Os Teus Ollos', 'Un Adios a Mariquiña', 'Cantiga', 'A foliada'... Na súa obra, conxúganse elementos estilizados tomados da música tradicional galega e formas puramente románticas como a balada. E é que Chané acadou unha enorme popularidade con cancións xeradas, inicialmente, no ámbito académico. Esta tensión entre o erudito e o popular e o feito de que Chané viviu toda a súa vida exclusivamente da música, sen o apoio da igrexa (algo inédito para un músico galego do seu tempo), convirte a celebración da súa figura nunha oportunidade única para reivindicar a potencia que tivo historicamente a música galega.