Tres sesións en Lugo

O escritor Lois Diéguez ofrece un obradoiro sobre viaxes

Para o escritor Lois Diéguez (Monforte de Lemos, 1944), viaxar é un método fundamental do seu traballo. En rexistros moi diferentes, Viaxes ás terras encantadas de Lemos (1999) ou O canto do muecín (2007) dan fe dentro da súa obra. Por iso non é de estrañar que agora dirixa un obradoiro sobre viaxes.
 

Explanada mezquitas Xerusalén
photo_camera Explanada das mesquitas en Xerusalén. Foto: wikipedia.

Lois_Diéguez_(AELG)-3

Quince lugares do mundo para acender os sentidos é o título do taller, organizado pola asociación Lugo Patrimonio e mais a Deputación de Lugo. Dividido en tres sesións, a primeira é este serán, ás sete e media no salón de actos do Pazo provincial e tratará de Palestina, Portugal, Siria, Mali e a Ribeira Sacra.

En cada un dos encontros, abertos á participación das asistentes, Diéguez empregará fotos, vídeos, música, memoria oral ou fragmentos cinematográficos.

O ciclo de conferencias continuará a sexta feira 23 de febreiro. Versará sobre lugares de Xordania, Grecia, Tunicia, Irlanda e máis Laza. O 9 de marzo, tamén sexta feira, rematará cun traxecto por Marrocos, Transilvania, Turquía, Exipto e Salcedo, na Pobra de Brollón. Unha viaxe real, física, en Galiza e outra ao estranxeiro -aínda por decidir entre os participantes no curso- será a clausura da iniciativa.

Nota: foto do escritor Lois Diéguez (AELG)

Comentarios