CULTURA

Encontro arredor de Areoso, o tesouro arqueolóxico agochado na Arousa

Encontro arredor de Areoso, o tesouro arqueolóxico agochado na Arousa

Chámase Guidoiro Areoso e é un illote no medio da ría de Arousa que  oculta debaixo da area uns cantos tesouros en forma de mámoas. Esta sexta feira celébrase no Consello da Cultura uns Encontros Monográficos arredor dese delicado espazo.

mamoa-guidoiro
photo_camera Unha das mámoas (Imaxe: Guidoiro Dixital)

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega abre uns Encontros Monográficos esta sexta feira (27 de novembro) cunha primeira edición dedicada ao Guidoiro Areoso (hai outro illote a carón chamado Guidoiro Pedregoso), no que se recollen os resultados das intervencións arqueolóxicas, a experiencia dos seus xestores e tamén a propia vivencia da cidadanía.

Guidoiro é un illote situado na Ría de Arousa no que existen numerosas pegadas da ocupación humana durante a prehistoria recente. Neste lugar véñense desenvolvendo nos últimos anos unha serie de actividades transversais que implican a comunidade científica, as administracións públicas e as asociacións cidadás da zona, que levan anos traballando pola súa conservación. Aínda que foi obxecto dunha intervención arqueolóxica na década de 1980, recentemente o illote volveu chamar a atención destes axentes pola importante erosión litoral que vén sufrindo e que pon en perigo a conservación deste patrimonio cultural e natural.

Entre os relatores intervirán arqueólogos que falarán da vulnerabilidade e da erosión dos xacementos, ademais da influencia humana no seu deterioramento. Ademais haberá un par de mesas redondas onde terán espazo tanto o Concello da Illa de Arousa, á que pertence, como a asociación local Pandulleiros, así como representantes de Patrimonio e do Consello da Cultura. 

comentarios