Emma Pedreira, novela, Carlos Negro, literatura xuvenil, e Héctor Cajaraville, infantil, gañan o Xerais
A entrega dos galardóns -dotados cada un deles con 10.000 euros-, axendada para o mes de outubro.
Besta do seu sangue, de Emma Pedreira, é o título gañador do Premio Xerais 2018 na categoría de novela. Competiron polo galardón 37 obras e o xuri elexiu como finalistas as obras apresentadas baixo os lemas Anxos Roubados, Canicha, Cecimbre e Ego Sum.
Que viu o xuri en Besta do seu sangue? Basicamente unha proposta "de carácter transgresor", construída con "multiplicidade de voces" e caracterizada polo dominio de diversos rexistos narrativos. É tamén un texto en que aparecen por momentos a poeta.
Na categoría de literatura xuvenil -que baixo a denominación Premio Jules Verne alcanza a súa décima edición- a obra gañadora é Aplicación Instantánea, da autoria de Carlos Negro, que se impuxo a un total de 19 obras.
Carlos Negro (Lalín, 1970) é, como Pedreira, poeta e novelista. Como narrador é autor de obras como Far West, Makinaria, Penúltimas tendencias -premio da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega á mellor obra de LIX- e Masculino Singular.
Canto a Aplicación Instantánea, o xuri valora nela a súa orixinalidade, a riqueza da súa linguaxe, o seu feminismo e tamén o exercicio da crítica social. Negro apela tamén á participación activa das leitoras na construción dun discurso "potente, apelativo e de intervención que non deixa ninguén indiferente".
Por súa parte, Hector Cajaraville venceu o Premio Merlín de Literatura Infantil -ao que concorreron 33 orixinais- cunha obra titulada Kusuma.
Para o xuri, Kusuma é "unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por un faisán asiático obrigado a fuxir da agresividade dun mundo industrializado". É unha obra que contén unha potente denuncia da xenofobia.