As editoras galegas volven a Boloña sen o apoio da Xunta de Galiza
A Asociación Galega de Editoras (AGE) regresa, do 31 de marzo ao 3 de abril, á Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (BBF), onde contará cun espazo propio dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España e sen contar co apoio, un ano máis, da Xunta da Galiza
A BBF, unha feira de carácter exclusivamente profesional, está considerada como a máis importante en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil e nivel internacional. Este ano celebra a 62ª edición con Estonia como país convidado de honra.
Embora Edicións, Kalandraka, Positivas, Triqueta Verde, Patas de Peixe, Creotz Ediciones, Edicións do Cumio, e Plutón Kids son as empresas asociadas á AGE que participarán no espazo até o 3 de abril. Baía Edicións asiste á feira como visitante e Edelvives e Kalandraka contarán tamén con espazo propio.
As editoriais do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda fechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, no propio stand e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora.
Desde o espazo da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoras galegas desprazadas e difundirase un catálogo de dereitos cunha selección de setenta títulos baixo o lema Galician books. Bologna 2025.
A Feira amplía de novo a súa oferta principal a través do programa de conferencias, exposicións e formación para o sector editorial en xeral: BolognaBookPlus ofrecerá un escenario global para debater os temas de máis actualidade para o sector.