Segundo datos do gremio estatal

As editoras galegas alertan de que só 4% do lectorado escolle o galego

O estado da lectura en galego é “delicadísimo”. Ese é o adxectivo escollido pola Asociación Galega de Editores (AGE) para cualificar os datos do Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros do Gremio de Editores estatal segundo os que só 4% das persoas elixe o galego como lingua de lectura.
 

[Imaxe: B.B.] Lectura, ler, literatura, libro
photo_camera Foto: B. B.

“A situación en Galiza segue a ser moi preocupante”, considera a asociación galega, “non só seguimos na zona baixa da estatística a nivel estatal, senón sobre todo por ese ínfimo 4% das persoas que afirma escoller libremente o galego como lingua de lectura”.

AGE —que xunta máis dunha trintena de empresas— saúda, porén, “o lixeiro incremento xeral, en todo o Estado, das persoas lectoras”. Ao tempo e co foco en Galiza, demanda “unha vez máis políticas efectivas, reais e transversais de fomento da lectura en galego”.

“A nosa lingua é un patrimonio único que debe ser preservado e potenciado de maneira decidida”, conclúe a nota, “conéctanos co mundo, porque nos fai singulares e vivos, e debe ser prestixiada”.  

O estudo do gremio estatal baséase, no caso galego, nunha enquisa realizada a 278 persoas e cunha marxe de erro de 6%.

Comentarios