Un ecosistema "rico pero fráxil": os retos das artes escénicas na Galiza

Un informe promovido polo Consello da Cultura Galega e a Fundación María José Jove chama a repensar os mecanismos de apoio público para fortalecer o sector das artes escénicas, garantir a súa presenza en todo o territorio e mellorar as condicións laborais.

Caterina Varela na presentacion do informe esta cuarta feira. (Foto: Consello da Cultura Galega)
Caterina Varela na presentacion do informe esta cuarta feira. (Foto: Consello da Cultura Galega)

O informe Iniciativas independentes de apoio á investigación e creación en danza e artes performativas en Galicia, promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación María José Jove, advirte da necesidade de reformular os mecanismos de apoio público co obxectivo de incrementar a presenza do sector das artes escénicas na Galiza.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove; a directora do Centro de Arte FMJJ, Susana González; e Natalia Balseiro, membro da sección de Artes Escénicas do CCG, inauguraron esta cuarta feira a xornada de presentación do estudo, xa dispoñible na páxina web da institución cultural. Durante o acto, Felipa Jove subliñou a importancia de “seguir tecendo redes” entre os axentes culturais, mentres que Rosario Álvarez destacou que o informe é froito dun traballo “a lume lento” orientado a facilitar a toma de “decisións informadas”.

A autora do informe, Caterina Varela, definiu a situación actual como un ecosistema “rico, diverso e en constante evolución”, pero ao mesmo tempo “altamente fráxil”. Entre as principais demandas do sector destaca a necesidade de garantir unha distribución territorial equilibrada da programación de danza e artes performativas. Así mesmo, o documento propón reducir a carga burocrática nas convocatorias, incluír os gastos estruturais entre os custos subvencionábeis e recoñecer a investigación artística como unha fase autónoma do proceso creativo.

No plano económico, o informe reclama orzamentos que aseguren “condicións de traballo dignas” e aposta por modelos de financiamento plurianual que permitan unha planificación a medio e longo prazo. Por último, o Consello da Cultura Galega detallou nunha nota de prensa que, para a elaboración do informe, se seguiu unha metodoloxía cualitativa baseada no estudo de sete proxectos de referencia: De Corpos Presentes, A Casa Vella, RPM / Residencias Paraíso, Plataforma, Sacra Experience, Festival Abanea e Atopémonos Bailando.

Comentarios