Dylan non devolve as chamadas da Academia

Catro día despois, Dylan continúa sen se pór ao telefone cando do outro lado está a Academia sueca para comunicarlle formalmente que acaba de gañar o Nobel de Literatura. Catro días despois, Dylan continúa sen facer acuse de recibo do premio.

never ending tour
photo_camera Dylan, nun concerto do Never Ending Tour

Xa era de universal coñecimento a concesión do Nobel e Dylan saíu a un escenario, unha rotina para o músico que desde 1988 anda polas estradas do planeta co seu Never Ending Tour. Desta volta foi en Las Vegas e, como cabía agardar nunha personalidade tirando a pouco sociábel como a súa, o cantor de Minnesota nen pronunciou unha palabra sobre o premio. Nada surprendente: con muita frecuencia -este cronista pode dar fe- Dylan non pronuncia unha palabra sobre nada nos concertos, fóra do que é estritamente a interpretación -ou reinterpretación- das súas cancións. 

Nada lle é máis proprio ao personaxe Dylan que non facer acuso de recibo do premio. Que actuar como se nada pasase, sen lle dar ningunha importancia a un evento sen precedentes, a concesión do maior galardón das letras universais a un músico. Significa isto que non acudirá a Estocolmo o próximo 10 de Novembro para recoller o galardón? Imposíbel sabelo. Dylan non dá puntada sen fío e o probábel é que a súa mente estea deseñando diversos escenarios, desde aquel lonxíncuo 1964 en que escandalizou o sector máis purista da freguesía folk cando se apresentou sobre o palco cunha guitarra eléctrica -vade retro- o seu foi sempre epatar o persoal, así que calquera sabe, fai parte do espectáculo.

O Nobel está dotado con algo máis de 850 mil euros. En toda a historia só dous escritores recusaron o galardón, o ruso Borís Pasternak e o francés Jean Paul Sartre

En Estocolmo, porén, manteñen a esperanza. "Teño un presentimento de que Dylan pode vir. Pode equivocarme, e claro que sería unha mágoa que non viñese, mais en calquera caso a distinción é súa e non podemos responsabilizarnos do que pase agora. Se non quere vir, será unha grande festa igual", dixo á imprensa a secretaria do Premio, Sara Danius.

O Nobel está dotado con algo máis de 850 mil euros. En toda a historia só dous escritores recusaron o galardón, o ruso Borís Pasternak e o francés Jean Paul Sartre. Non é probábel que Dylan os acompañe, mais se algo caracteriza este artista é a súa imprevisibilidade.

En todo caso, e dada a resistencia de Dylan ao contacto telefónico, a Academia sueca, informou Danius á radio pública do seu país, desistiu xa de facer a comunicación formal ao cantor norteamericano

Comentarios