Dez anos despois volve o inspector Leo Caldas

Domingo Villar publicará a súa terceira novela en marzo de 2019

As súas dúas novelas irromperon na literatura galega con forza de best seller. Eran narrativa policial de rostro amábel, irónica, que xogaba coa identidade galega do seu protagonista, o inspector Leo Caldas, e co seu escenario, Vigo. Traducidas a varias linguas, a segunda con versión cinematográfica, do seu autor, Domingo Villar, non volveu haber apenas noticias. Dez anos despois reaparece co seu terceiro libro.
 

domingo villar no culturgal
photo_camera O escritor Domingo Villar nunha edición pasad do Culturgal. Foto: Culturgal.

O ultimo barcoO último barco, que a Editorial Galaxia colocará nas librarías en marzo do ano que vén, suporá o seu agardadísimo regreso. Nada menos que 700 páxinas empregou Villar para compor unha nova historia coa súa cidade como fondo e un tema clásico do noir como escusa: as cousas non son o que parecen e debaixo da tranquilidade burguesa ferve o malestar e o innomeábel.

“Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe a visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla”, explica Galaxia o argumento nun comunicado de prensa, “na vida coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de devastadoras correntes”.

Domingo Villar (Vigo, 1971) anunciara en varias ocasións a continuación das exitosas Ollos de auga (Galaxia, 2006) e A praia dos afogados (Galaxia, 2009). A prensa mesmo chegou a publicar o título da mesma, Cruces de pedra, finalmente mudado a O último barco, e a súa inminente publicación en 2013. Mais só o 6 de marzo os seus inúmeros lectores e lectoras saíran deste longo período de espera.

O último barco aparecerá simultaneamente traducida ao castelán da man de Siruela.

Comentarios