Exposición no Museo do Pobo Galego

Do sacro ao profano

[Imaxe: ©Gustav Henningsen] Nosa Señora da Lanzada (Santo Estevo de Noalla, Sanxenxo). Rosquilleira na romaría.

O Museo do Pobo Galego acolle até o 22 de setembro a exposición "Galicia Máxica: Romarías e Santuarios", mostra de fotografías etnográficas do danés Gustav Henningsen. As instantáneas, froito das súas investigacións nos anos 60, retratan un rural galego ateigado de ritos e tradicións que esvaecen, escorregando entre os dedos das súas habitantes. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza.

Un intre do cotián roubado pola cámara de Henningsen amosa as romeiras descansando tras o camiño á Nosa Señora dos Milagres de Caión. David Conde, comisario da exposición, explica que en tempos traían pedras como ofrenda que logo ficaban no amilladoiro. O coñecemento, alén da documentación, vénlle da súa propia experiencia. El, como farán moitas, séntese recoñecido nas instantáneas deste mundo, se non desaparecido, en vías de extinción. Imaxes nas que prima, abofé, o contido informativo sobre o valor estético, mais nas que a realidade soborda coa súa beleza documental (con) fundindo ambas as dimensións nun rescate do pasado.

O Museo do Pobo Galego inauguraba o pasado 29 de maio a exposición Galicia Máxica: Romarías e Santuarios, que permanecerá aberta até o 22 de setembro. A mostra está composta por 84 fotografías etnográficas, as máis en branco e negro, tomadas entre 1965 e 1968 polo antropólogo danés Gustav Henningsen, froito de vinte meses de investigación de campo na Galiza.

Nosa Señora da Barca, a Franqueira ou Nosa Señora da Lanzada son algunhas das romarías retratadas, na dobre vertente da palabra. Relixiosa e profana. Peregrinación e festa popular. Dúas caras dunha mesma moeda. Unha única foto destaca á esquerda da entrada: Henningsen entrevistando un informante. Esta rara avis conecta coa mostra de 2015 Galicia Máxica: Reportaxe dun mundo en desaparición, que xa traballara a obra fotográfica do folclorista. Xestada hai máis dun ano como continuación desta, que as Letras Galegas homenaxeasen Fraguas “tamén nos axudou a xogar co título dunha das publicacións máis emblemáticas de don Antonio: Romarías e Santuarios”, explica Conde. A relación, porén, non vai máis alá do título e do uso bibliográfico, pois se ben Fraguas e Henningsen puideron coincidir, non existe constancia de que se coñecesen.

Gustav Henningsen chegou á Galiza en 1965 cunha cámara Rolleyflex e cunha gravadora magnetofónica, co gallo de investigar para a súa tese doutoral. Máis que o relixioso, buscaba crenzas máxicas arredor da bruxaría, coa idea de elaborar un estudo comparado entre Galiza, Dinamarca e Irlanda. Pero aquí atopou un universo que descoñecía, poboado de ritos e tradicións que no resto de Europa apenas se conservaban. Toda unha sorpresa, considerando que Henningsen, atraído pola literatura internacional sobre as bruxas no País Vasco, non nos tiña en mente.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 353 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]