A diva do soul Naomi Shelton pecha o Outono Códax Festival

Shelton é unha das grandes do xénero e actuará por vez primeira en Galiza acompañada polo seu coro, The Gospel Queens, e a súa banda, na que destaca o histórico baixista de James Brown, Fred Thomas. 

naomi-shelton
photo_camera Naomi Shelton [Foto de Jacob Blickenstaff]

O Outono Códax Festival, o festival galego de música negra, pechará este próximo sábado, 3 de outubro, a súa 5ª edición cun último concerto en Compostela presidido por unha das divas do soul actual: Naomi Shelton. O seu non é só unha viaxe ao soul máis espiritual (provén do gospel e o rhythm&blues), senón tamén un percorrido lento e sorprendente cara un dos máis clamorosos éxitos da última década. 

Ao igual que moitas e moitos cantantes de gospel e rhythm&blues, Naomi aprendeu a cantar na igrexa, inspirada nos grandes do gospel como Sam Cooke and The Soul Stirrers ou The Five Blind Boys of Alabama; máis tarde recollería as influencias de grandes do soul como Wilson Pickett, Sam&Dave ou Otis Redding. Logo de varios anos granxeándose unha sólida reputación nos principais clubs neoiorquinos, na década dos 60 alcanzou un relativo éxito con distintos temas que a levou a continuar a súa carreira ao longo das seguintes décadas cos seus espectáculos en Nova York. 

Sen embargo, en 2009, Daptone Records, a produtora de referencia a nivel mundial na escena da música negra, redescubre o seu incrible talento. Acompañada dun coro de excepción (The Gospel Queens) e unha virtuosa banda, Naomi reinicia unha carreira ata a data imparable. O seu primeiro disco 'What Have You Done, My Brother 'supuxo un bombazo no panorama internacional (mesmo a gran Sharon Jones contribuíu na súa gravación con coros adicionais). A portentosa e singular voz de Naomi, as harmonías instrumentais que a acompañan, a espiritualidade e, aínda á súa idade, a súa incrible capacidade para transmitir unha enerxía única sobre o escenario, a elevaron ás alturas do xénero. 

O seu segundo traballo, Cold World (2013), non fixo máis que consagrala. Calafrío na pel, concluíu a crítica. Un proxecto a medio camiño entre o soul e o gospel, unha combinación máxica que non deixou indiferente ao público de medio mundo. Naomi soa en directo inimitable, auténtica, maxistral, por veces taxativa, por momentos suave. Os seus espectáculos convertéronse en toda unha experiencia irrepetible para quen ten a oportunidade de acudir a eles. 

Juan Zelada Band 

O madrileño Zelada, que xa é para moitos un dos máximos expoñentes do neo-soul europeo, completou en 2006 os seus estudios musicais cunha bolsa no Liverpool Institute for Performing Artists, onde recibe de mans de Paul McCartney o recoñecemento á mellor composición da súa promoción; “Smashing CD”, díxolle entón o ex-Beatle. Logo de mudarse a Londres, monta a banda coa que xirará os seguintes anos, unha traxectoria que culmina co seu teloneo a Amy Winehouse en Back to Black Tour. En 2012 lanza o seu single Breakfast in Spitafields que se converte inmediatamente nun dos grandes éxitos británicos, sendo a canción máis radiada da BBC dese ano, só por detrás de Adele. Chama a atención de Decca Records, cos que edita o seu primeiro álbum High Ceilings & Collar Bones, cuxo segundo single (The Blues Remain) convértese en Single da Semana de iTunes e é incluído de novo na Playlist A da BBC. Ao ano seguinte edita o seu EP Follow The River e recibe o European Border Breakers Award no Eurosonic Fest en Holanda. 

Regresa a España ese mesmo Nadal e comeza 2014 viaxando por Sudamérica cunha mochila e a súa guitarra, dando forma aos temas do seu seguinte disco. De volta do seu periplo latinoamericano métese no estudio co produtor Carlos Jean, dando como resultado meses despois Back On Track, o seu primeiro disco para o selo Muwom editado a primeiros deste ano. Nel, Zelada conxuga a súa consabida identidade soulera con novas influencias e a impronta Big Beat e electrónica do recoñecido produtor. 

The Soul Jacket

Os vigueses The Soul Jacket serán os encargados de abrir esta última noite do ciclo co característico son que xa os converteu nunha das bandas galegas con maior recoñecemento a nivel estatal. O seu é afastarse do obvio do rock’n roll para amosar todas as súas inquedanzas. A súa facilidade para incluír sons afrolatinos ou mesmo algo daquela psicodelia californiana de finais dos sesenta en temas que superan os 8 minutos é para a banda algo natural e ata necesario. A finais do ano pasado estreaban o seu terceiro e esperado disco de estudio, ao que titularon Black Cotton Limited.  

Comentarios