O director da CRTVG afirma que “Planeta Furancho” continuará mais conducido por persoal propio

O programa Planeta Furancho continuará na Radio Galega mais conducido por persoal propio da compañía pública. Esta é a resposta que o director xeral da CRTVG, Sánchez Izquierdo, deu á pregunta da deputada do BNG, Montse Prado que se interesaba polo futuro do programa. 

O director xeral da CRTVG afirmou, en sede parlamentaria, que o programa radiofónico dedicado á música galega “Planeta Furancho” continuará en antena mais con persoal propio da compañía. Segundo asegurou Sánchez Izquierdo, a decisión tomouse cando o presentador Vituco Neira, colaborador da RG, non aceptou as novas condicións laborais que se lle propuñan. 

Sánchez Izquierdo fixo fincapé en que o desacordo co anterior responsábel do programa se debía a razóns de tipo laborais e que non había ningunha outra causa para eliminar un programa que, segundo lembrou, continúa en antena desde hai seis anos. 

A deputada nacionalista interesouse polas relacións laborais que a CRTVG establece con persoas colaboradoras e produtoras e tamén pola presenza da música e a cultura galegas na súa programación que, ao seu ver, segue a estar condenada á “marxinalidade”. 

Comentarios