150 anos da chegada de Rosalía de Castro á Coruña

"Un día con Rosalía" na cidade herculina

Retrato de Rosalía de Castro feito por Luis Sellier na cidade da Coruña. (Foto: Fundación Rosalía de Castro).
Co gallo do 150 aniversario da chegada de Rosalía á Coruña, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza para este sábado 23 de outubro a xornada "Un día con Rosalía". Palestras, roteiros, recitais poéticos, concertos, cinema, obradoiros... compoñen un completo programa para celebrar esta efeméride.

“A Coruña estaba fermosísima. Unha temperatura de primavera e un sol brillante. Estaba por ficar xa nela”. Así describía Rosalía de Castro a cidade herculina nunha carta que enviaba a Manuel Murguía. Daquela era decembro, ano 1861. 

A mesma cidade fermosa e brillante, cálida, acolleríaa dez anos máis tarde, hai agora 150 anos, cando Rosalía chegaba á Coruña para quedar a vivir. Faríao durante un breve período de tempo, na década dos setenta do século XIX, de 1871 a 1875, após Murguía ser nomeado director do Arquivo Xeral do Reino. "A familia quedaría no número 3 da rúa do Príncipe, naquela altura chamada de Padilla", conta para Nós Diario María Xosé Bravo, desde a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB). 

150 aniversario da chegada de Rosalía á Coruña

Co gallo do 150 aniversario da chegada de Rosalía á Coruña, a ACAB organiza para este sábado 23 de outubro a xornada "Un día con Rosalía". "Unha proposta moi diferente para que todo o mundo saiba da efeméride", adianta Bravo.

E é que A Coruña é rosaliana e así se fai ver a través das diferentes pegadas da poeta -físicas e simbólicas- que a ligan coa cidade. "Polas datas, sábese que aquí, na Coruña, Rosalía escribiu unha parte de Follas Novas, sobre todo esa na que trata a emigración, desde “As viudas d'os vivos e as viudas d'os mortos” até o propio poema de “¡Pra a Habana!”, moi ligado a esta cidade portuaria, de onde partían os barcos. 

Á parte, hai moitos vestixios rosalianos na propia cidade, na súa configuración e memoria colectiva. "Non moito despois de morrer a poeta o Teatro Principal cambia de nome e pasa a chamarse Teatro Rosalía Castro", lembra María Xosé Bravo, organizadora das xornadas. Os seus versos ocupan o Xardín de San Carlos e o seu nome está plasmado nas vidreiras do Pazo Municipal, en nomes de escolas, de rúas... Tamén o seu retrato máis coñecido, a Rosalía capturada por Luis Sellier, foi feito na Coruña.

Por todo isto, e coa fin de "devolver á escritora algo do que ela nos deu", desde a ACAB propoñen unha serie de actividades para lembrar a efeméride e contribuír dalgún modo para que a súa obra sexa aínda máis coñecida e recoñecida. 

Programa

A xornada comezará cunha alborada diante da casa de Rosalía e continuará cunha visita guiada ao Arquivo Municipal para coñecer de primeira man, coa guía da directora do arquivo, curiosidades como manuscritos ou o expediente do cambio de nome do Teatro Principal.

A palestra inaugural, "Estranxeira na súa patria", será a cargo do especialista na vida e obra rosalianas Francisco Rodríguez, "un dos grandes coñecedores e descubridores desa Rosalía coa que todos hoxe concordamos, de símbolo dun pobo, de feminista, transgresora e defensora dun país", valora Bravo. 

A seguir, contarán coa presentación do último número da revista Follas Novas con Xosé Luís Axeitos e Anxo Angueira, quen estará tamén, posteriormente, nun recital poético a canda Estíbaliz Espinosa. E alén do ámbito puramente literario, farán unha sesión vermú a cargo de Xurxo Souto. Ambas as dúas citas serán diante do Teatro Rosalía.

A tarde abrirá coa sesión "Curtas para Rosalía", centrada no visionado das curtas sobre a obra de Rosalía que foron premiadas pola AS-PG.

"O feminismo en Rosalía de Castro" será o prato forte do serán, cunha palestra a cargo da especialista María Pilar García Negro. A esta séguelle o achegamento ás "tres Rosalías" de Pepe Barro, quen analizará as diferentes imaxes que se conservan da poeta. Á parte, na ACAB programaron a presentación de Correspondencia da familia Murguía-Castro e outras cartas, con Xosé Luís Axeitos, mais un encontro arredor de "Na fronte unha estrela" con Martin Pawley. E, como ramo á xornada, Carmen Rey ofrecerá un concerto.

Para alén do máis, "Un día con Rosalía" achega as iniciativas "manchea, imprenta tradicional"; visita guiada ao Circo de Artesáns (biblioteca e arquivo) con Manuel Miragaia; actividade coa ilustradora Noemí López Vázquez; "Has de cantar": obradoiro de canto con Marta Pumares; proxección sobre o teatro (lado da Mariña) de versos e imaxes de Rosalía á noite; "Dúas cancións para Rosalía" con Estíbaliz Espinosa; e, ás 22.30 horas, visita nocturna ao teatro Rosalía, guiada polo seu director.