O Día das Artes Galegas celebrarase no Teatro Principal de Compostela
O Concello de Santiago e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) presentaron esta cuarta feira os actos do Día das Artes Galegas 2025, que este ano homenaxea a figura do creador compostelán Isaac Díaz Pardo. A rolda contou coa intervención da concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo; e o académico numerario da Sección de Artes da Imaxe da RAGBA e fillo de Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz Arias de Castro.
Míriam Louzao manifestou que é unha "moi boa nova" que a Academia o elixise para este Día das Artes Galegas 2025. "Falamos dun home que soubo integrar a vangarda e a tradición, que construíu pontes entre o pasado e o futuro, e desde sempre loitou por un país digno e libre".
“Xa desde a súa mocidade, mostrou unha visión e un compromiso excepcionais coa nosa cultura, tanto nas artes como no activismo social e político. A súa implicación no Movemento Galeguista, a súa loita pola recuperación da memoria histórica e a súa dedicación á cerámica tradicional foron só algúns dos aspectos que marcaron o inmenso legado que nos deixou. Falamos dun home que soubo integrar a vangarda e a tradición, que construíu pontes entre o pasado e o futuro, e desde sempre loitou por un país digno e libre. Durante a súa xuventude, participou activamente na campaña polo Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa en Bos Aires, ao lado do pintor Luís Seoane, fundou o Laboratorio de Formas de Galicia onde se renovaba a cerámica galega”, engadiua concelleira.
Ademais, Louzao apostilou que Isaac era un home ben polifacético, un artista que realizou tamén un labor fundamental no ámbito editorial, ao ser un dos fundadores de Edicións do Castro para a recuperación da literatura e da historia da Galiza. “Con esta homenaxe celebramos a memoria dun home que desde a súa traxectoria contribuíu a dar visibilidade ao noso país, na nosa terra e fóra dela. Non só é un acto de recoñecemento a un artista e intelectual excepcional, senón tamén á loita e ao esforzo de tantas persoas que como el traballaron sen descanso para que hoxe poidamos vivir nun país máis libre, máis rico culturalmente e con máis dignidade. O seu legado está presente en moitas das cuestións que definen Compostela, como o amor pola terra, a lingua, e as tradicións, e a capacidade para innovar e adaptarnos aos tempos ser perder a nosa identidade. Persoas como Isaac construíron Compostela desde os cimentos, e o mellor que podemos facer é seguir traballando por preservar ese legado”, explicou.
Manuel Quintana Martelo lembrou como, no Pleno da Academia de xuño de 2024, se elixiu, entre outras candidaturas, a Isaac Díaz Pardo como protagonista do Día das Artes Galegas deste ano. Pero explicou que, ademais, a Academia celebra este ano o seu 175 aniversario, “a Academia máis antiga da Galiza”, e conmemora o décimo aniversario da creación do Día das Artes Galegas.
O presidente indicou que o vindeiro día, 1 de abril celebrarase o acto central do Día das Artes Galegas nun centro histórico para Compostela como é o Teatro Principal. Concretamente, apuntou que é “a terceira vez que este evento se celebra en Santiago, cun primeiro homenaxeado en 2015, o Mestre Mateo, e en 2020-2021 o arquitecto Domingo de Andrade. O presidente da RAGBA inaugurará o evento cun discurso de benvida e, a continuación, Xosé Díaz será o académico responsábel de pronunciar a laudatio, titulada Isaac Díaz Pardo ou as formas que xorden da memoria. O acto pecharase coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta da Galiza, José López Campos; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que clausurará unha celebración que contará con actuación musical durante o seu transcurso. Previamente, ás 17 horas, celebrarase unha Sesión Ordinaria da Academia no Salón de Plenos do Concello.
Quintana Martelo subliñou que os actos de homenaxe a Isaac Díaz Pardo continuarán ao longo de todo o ano e até o 1 de abril de 2026. No mes de xuño anunciou que se inaugurará a exposición A barca de Caronte no Museo de Belas Artes da Coruña, impulsada pola Academia coa colaboración da Xunta da Galiza, e comisariada por Xosé Díaz. Nesta mostra abordarase a transición vital e profesional de Díaz Pardo da pintura á industria.
Ademais desta actividade, celebraranse durante o ano simposios, conferencias ou roteiros en diferentes puntos da Galiza, como unha charla organizada polo Ateneo de Santiago o 7 de abril en Afundación, ou outra en Lugo pola actividade industrial de Sargadelos. Elaboraranse estudos sobre a figura de Isaac Díaz Pardo e editarase un libro que se distribuirá polos centros educativos galegos pola importancia de que a xente nova coñeza a todos aqueles persoeiros que fixeron posible a cultura galega.
Xosé Arias destacou que para el, como fillo de Isaac, é unha honra que este acto se faga en Santiago. “Santiago e Isaac é un binomio indestrutible”, sentenciou. Adiantou tamén o contido da súa laudatio que se centrará, da forma máis neutral posible, no tránsito artístico, da pintura á industria, e persoal, desde Santiago até Sargadelos, pasando por América. “Foi un gran creador, pictoricamente, industrialmente e como dinamizador cultural. Pero tamén unha persoa moi ética e moral. Deu un exemplo ético fundamental, sempre reivindicando a Galiza e a todas as persoas que foron maltratadas na nosa terra, sobre todo na relación co exilio. En 1936 tivo que marchar, pero sempre trouxo os seus proxectos para aquí xunto a Luís Seoane”, engadiu.
Finalmente, a concelleira anunciou que o Concello presentará este ano a reedición dun libro de Xosé Ramón Fandiño, Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso, un traballo que se elaborou durante o centenario do nacemento de Díaz Pardo.