Dezaoito curtas compiten no FIC de Verín

Un fotograma de 'Rompente', de Eloy Domínguez Serén.

A VII edición do festival, que se desenvolverá entre o 30 de agosto e o 4 de setembro, presentouse onte perante os medios de comunicación.

O Festival Internacional de Curtas de Verín Vía XIV presentou onte o seu programa, no que destaca unha selección oficial de curtametraxes de dezaoito títulos, procedentes dunha ducia de países, que se encadran en tres categorías, Horizontes, A Raia e Nova. Entre os filmes en competición atópanse Rompente, de Eloy Domínguez Serén; O que queda, de Alejandro Rodríguez; Cineris, de Carlos A. Quirós; ou O niño dos paxaros, de Lucía Estévez. 

O festival comezará o día 30 de agosto cun acto inaugural tras o cal o trío Casperverk musicalizará en directo o filme The cameraman de Buster Keaton. 

Foco no Entroido 

O Festival porá de novo o foco nun dos seus piares fundamentais, o Entroido, a través de narrativas menos convencionais. Dunha parte, proxectarase unha sesión de curtametraxes cuxo fío condutor será o Entroido desde unha visión de orixe e posta en común das diferentes tradicións ao redor do mundo. A sesión finalizará cunha curta filmada a comezos do século pasado en Laza. Por outra parte, representarase a performance Carrilano KaoS de Álvaro Rúa con Gaita en Dó, na que colaborarán o Fulión de Mormentelos e Kotodama Teatro. 

O Galician Freaky Film Festival será o Festival Convidado deste ano, un festival que amosa unha coidada selección de pezas audiovisuais que moitas veces se ven privadas das canles habituais de distribución. Por isto, este ano o FIC quere render homenaxe a este evento único traendo até a vila do Támega algunhas das súas proxeccións máis singulares e ao seu director, Juan de Castro, para participar nun coloquio co público.

Galegos en Mauthausen 

No marco das actividades paralelas, proxectarase un documental dirixido e guionizado hai máis de tres décadas polo xornalista e historiador galego Manolo Torrente. Trátase de Mauthausen, regreso ao campo da morte, que conta a historia de dous galegos que conseguiron saír con vida do horror daquel campo de concentración: Enrique Doval, natural de Lugo, e Xaquín Balboa, procedente de Estevesiños, localidade próxima a Verín. 

A gala de clausura, o 4 de setembro, estará conducida pola xornalista Esther Estévez, presentadora do programa da RTVG Dígocho eu.