O vindeiro sábado 19, no Festival de Málaga

Eloy Domínguez Serén presenta o seu primeiro filme de ficción

Coñecido polos seus traballos documentais, Eloy Domínguez Serén presenta agora, no Festival de Málaga, o seu primeiro filme de ficción, Rompente, no que elabora un retrato dunha comunidade -o Barbanza- e dos patróns que segue a mocidade actual cando quere emanciparse e formar unha familia.
Un fotograma de 'Rompente', de Eloy Domínguez Serén.
photo_camera Un fotograma de 'Rompente', de Eloy Domínguez Serén.

Rompente e a primeira obra de ficción de Eloy Domínguez Serén, unha curtametraxe producida por Zeitun Films que se estrea este sábado 19 na sección oficial do Festival de Málaga. O director, coñecido por traballos documentais como Os corpos ou Hamada aborda esta primeira incursión no cine argumental cun espírito sociolóxico que non é alleo ao seu traballo anterior. 

A película incide nesas decisións, que habitualmente asociamos a sociedades máis conservadoras, tomadas por simple imitación dos modelos que rodean aos protagonistas. “A pregunta que eu me fago é: que outras opcións teñen no contexto social e económico no que se desenvolve a súa vida?”, cuestiona. 

“A trama de Rompente ten unha inspiración autobiográfica moi clara: baséase na experiencia dos meus pais, que me tiveron no ano 1985 nunhas circunstancias moi semellantes ás que viven os protagonistas da película”, explica en conversa con Nós Diario. “Eles son do Salnés e tivéronme moi novos e a min colleume nunha época en que pasaba moito tempo con moita xente nova en obradoiros de cinema para adolescentes. Todo iso levoume a interrogarme sobre a que se enfrontan os mozos e mozas de hoxe cando deciden ter fillos. E, curiosamente, atopei que moitos dos patróns que seguiron os meus pais seguen repetíndose na actualidade: quen se fai cargo dos ingresos económico e quen do coidado da crianza, cando se emancipan...”. 

A película incide nesas decisións, que habitualmente asociamos a sociedades máis conservadoras, tomadas por simple imitación dos modelos que rodean aos protagonistas. “A pregunta que eu me fago é: que outras opcións teñen no contexto social e económico no que se desenvolve a súa vida?”, cuestiona. 

Actores non profesionais 

Non houbo un proceso de selección de actores como tal, xa que os principais papeis están encarnados por actores non profesionais. “No meu proceso de traballo habitual, cando decido cal vai ser o tema e os personaxes, adoito mudarme á zona onde vou rodar, fago vida nese lugar, trato de integrarme na comunidade... e cando xa considero que teño un coñecemento suficiente para dicir algo sobre o tema, é cando comezo a traballar na película. Neste caso, quixen adoptar unha lóxica semellante porque quería que a miña primeira película de ficción tratase un tema que eu coñecese ben”, conta o director. 

Daquela, para atopar ao protagonista masculino, Sergio Saleirón, Domínguez Serén pasou un seis meses percorrendo os portos do Barbanza e da Costa da Morte buscando mariñeiros da idade dos protagonistas, contándolles o proxecto e coñecéndoos. “Era o meu primeiro proxecto de ficción e tamén o deles, así que podemos dicir que fomos aprendendo xuntos”, detalla, “até que apareceu a persoa indicada”. 

No caso da protagonista feminina o proceso foi lixeiramente distinto. Neste caso “observei que nestes contextos a muller da parella adoita ser sempre máis nova, polo que me dediquei a percorrer os institutos proxectando Hamada, e organizando coloquios nos que explicaba o que descubrín sobre o conflito saharauí rodando a película e contando como traballara cos protagonistas, que tamén eran moi novos. Nesas charlas dsvelabao novo proxecto e ía vendo quen estaba interesado en participar, e aí xurdiu Soraya Luaces”. 

O contexto económico no que se enmarca a historia resulta de grande importancia para comprender os retos aos que se enfrontan as parellas novas que queren emanciparse e sacar adiante unha familia.

Retrato dunha comunidade

Unha parte importante da narración vén dada polo coñecemento dos oficios do protagonista: durante o día é bateeiro pero, polas noites, complementa ingresos sendo percebeiro furtivo. “Iso xera moitas tensións nunha sociedade pequena na que todo o mundo sabe o que fai calquera veciño, na que unha proporción grande da poboación vive do mar e na que se considera que o furtivismo é lesivo para os intereses da colectividade”, matiza Domínguez Serén. 

O contexto económico no que se enmarca a historia resulta de grande importancia para comprender os retos aos que se enfrontan as parellas novas que queren emanciparse e sacar adiante unha familia. “Por iso pasei moito tempo con bateeiros, con mariscadoras e con percebeiros, tratando de entender o seu traballo, de ver como podería crear unhas imaxes que reflectisen o grande esforzo físico que require todo traballo ligado ao mar: saber o que había que filmar e como. Foi unha aprendizaxe moi complexa, pero ao tempo moi fermosa: comprender a importancia do encordado nas bateas ou entender como os percebeiros evitan as ondas. Creo que iso se reflicte na película, e o certo é que estou orgulloso de poder mostrar a miña admiración por eses traballos”. 

Detrás da trama argumental, a película ten vocación de retratar toda unha comunidade e iso levou tamén a incluír as variantes dialectais do Barbanza no guión. "É unha zona cunha identidade moi forte que se reflicte na lingua e para min era moi importante incluílo. Aí participaron todas as persoas que formaron parte do equipo e creo que o resultado é moi fermoso".  

Potente presenza galega en Málaga

Rompente non é a única fita galega que se mostrará no Festival de Málaga, que terá lugar do 18 ao 27 deste mes. Código Emperador, o último filme da produtora coruñesa Vaca Films e dirixida por Jorge Coira -con Luís Tosar, Fran Lareu e Santi Prego no elenco-, será a película que inaugure o festival o próximo día 18. 

Tamén na Sección Oficial, Lois Patiño presentará outra curtamentraxe, O sementador de estrelas, rodada en Toquio e presentada o mes pasado na Berlinale.

O día 24 tamén terá lugar dentro do festival a preestrea da serie Rapa, de Portocabo e Movistar+, filmada na Galiza e dirixida por Jorge Coira, con guión de Pepe Coira e Fran Araújo. Ademais, poderá verse o filme español Canallas en cuxo elenco participan varios actores galegos como Luís  Tosar, Luis Zahera ou Antonio Durán 'Morris'.

Comentarios