Dez anos sen Manuel María

O vindeiro 8 de setembro cúmprense dez anos do falecemento do escritor Manuel María. A Fundación que leva o seu nome realizará un acto multitudinario na Coruña, no Teatro Colón o día 16 que contará coa actuación de Nova Galega de Danza. Dous novos títulos ampliarán a bibliografía do autor que ten a súa casa natal aberta desde hai un ano en Outeiro de Rei. 

Manuel María
photo_camera Manuel María

Cúmprense dez anos da súa morte e un da apertura da Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei que se inaugurou o 7 de setembro do pasado. Abríase a súa casa natal como un espazo destinado a manter o legado e a memoria do escritor e neste primeiro ano máis de tres mil persoas visitaron xa as súas instalacións. 

Como cada ano desde o seu pasamento, a Fundación Manuel María organizará na Coruña, a cidade da súa derradeira residencia, un acto multitudinario que desta volta se realizará o día 16 no Teatro Colón coa actuación de Nova Galega de Danza que estrearán nesa xornada dúas pezas con poemas de Manuel María. Será o acto central dunha homenaxe que lembrará o poeta no décimo aniversario da súa morte, unha década na que viron a luz tres novos libros inéditos da súa autoría aos que se lle sumarán dous máis que chegarán ás librarías nos vindeiros días. 

Coincidindo co décimo aniversario a Fundación publica a correspondencia entre Manuel María e Otero Pedraio entre os anos 1951 e 1974 tirada dos arquivos persoais de ambos escritores mais unha nova edición dos Sonetos á Casa de Hortas, obra que estaba esgotada e que o escritor dedica a súa casa natal, agora Casa-Museo. Engadiranse aos tres títulos que viron a luz xa co selo da propia Fundación e que descubriron as obras inéditas Cecais unha luz, Os lonxes do solpor -poemario que saíu publicado canda o traballo musical de Uxía sobre poemas de Manuel María Andando a Terra máis o vídeo De amor e cantería, de Pixel Films que mereceu un Mestre Mateo- e o libro de ensaios Galiza. Até o fin de ano, publicaranse as reedicións de tres obras esgotadas de Manuel María. 

“A apertura da Casa Museo significou un paso importante para potenciar o coñecemento de Manuel María e a súa presenza tanto na sociedade como no ámbito do ensino”, sinala Alberte Ansede

Un ano da Casa Museo 

“A apertura da Casa Museo significou un paso importante para potenciar o coñecemento de Manuel María e a súa presenza tanto na sociedade como no ámbito do ensino”, sinala Alberte Ansede, secretario da Fundación ao tempo que destaca o elevado número de persoas, máis de tres mil, que visitaron a casa de Outeiro de Rei ao longo deste primeiro ano de apertura. 

A dinamización da memoria e o traballo arredor da figura e a obra de Manuel María son prioridades claras da Fundación mais, neste primeiro ano, a casa abriuse tamén a actividades que tiñan como obxectivo a promoción da cultura de base, ámbito co que o escritor estivo implicado durante toda a súa vida. Neste sentido, a casa de Outeiro de Rei acolleu o 12 de xullo o primeiro Convivio da Cultura Galega organizado canda Galiza Cultura e a Asociación Cultural Musical Solfa e que reuniu centos de persoas do asociacionismo cultural no primeiro dun encontro que se quere instituír como cita anual. 

Con ese carácter de convocatoria anual fixa quérese manter tamén a xuntanza dos Amigos e amigas da Fundación, o grupo de persoas que contribúen a soster a casa do poeta aberta e con actividade. “Queremos que a data sexa arredor do aniversario do seu nacemento, o 6 de outubro. Para nós o apoio dos Amigos e amigas da Fundación é indispensábel xa que, só por poñer un dato, un terzo do orzamento para a apertura da casa foi aportado por particulares. O seu mantemento tamén vai depender do seu apoio”, destaca Alberte Ansede. 

Para conmemorar tamén o cabodano da morte do escritor, a Irmandade Manuel María organiza como cada ano unha xornada de memoria que se iniciará por volta das 14.30 cun xantar en Rábade para continuar ás 17:00 cun recital de poesía en Penas de Rodas antes da ofrenda no cemiterio de Outeiro de Rei unha hora despois. Na carballeira de Santa Isabel entregaráselle a Navalla de Manuel María a Felipe Senén e outorgaráselle tamén a Suso Vaamonde a título póstumo. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios