Arqueólogos descobren unha aldea altomedieval en Casaio, Valdeorras, co seu cemiterio
A Asociación Científica Sputnik Labrego vén de comunicar un novo descubrimento arqueolóxico na parroquia de Casaio, no municipio de Carballeda de Valdeorras. Trátase dunha aldea de época altomedieval, na zona chamada Penedo Xudío, que a asociación tivo a oportunidade de escavar o pasado mes setembro.
"Este sitio era coñecido pola comunidade local, que sabía da súa importancia pola presenza de numerosas casas moi antigas e polo material que aparecía alí, así como polas prospeccións que fixo o arqueólogo Santiago Ferrer nos anos 90 ", explica Carlos Tejerizo, director do proxecto.
Nun comunicado, a asociación científica precisa que malia o coñecemento da veciñanza e o interese deste emprazamento, "nunca fora investigado". O pasado setembro, confirma Tejerizo, "fixemos algunhas catas e atopamos tanto a zona de vivendas como o espazo de enterramento desta comunidade altomedieval".
A antiga 'Cassavio'
A partir das datacións radiocarbónicas púidose datar a ocupación do sitio entre os séculos VII e IX, hai máis de mil anos. Segundo a asociación, este dato é moi relevante, xa que achegaría este espazo ao momento de existencia do sitio de Cassavio, unha ceca de época visigoda coñecida por unha moeda de ouro feita nese lugar e que os expertos vinculan a Casaio.
"Non temos a certeza de que o sitio de Penedo Xudío sexa esa antiga Cassavio onde se fixo a moeda, mais temos informacións de que xa se atoparan outras moedas nesta contorna e non descartamos a hipótese de que realmente esteamos perante a antiga ceca", sinala Carlos Tejerizo.
Pola súa parte, a equipa de Sputnik Labrego puido documentar media ducia de enterramentos situados a menos de 500 metros da zona de vivendas, "o que permite vencellar o mundo dos vivos ao mundo dos mortos deste momento histórico tan pouco coñecido. Un auténtico achado no contexto do noroeste peninsular", remata o director.
Este e outros resultados serán presentados nunha palestra a final deste mes en Casaio, en Valdeorras, durante unha nova campaña de traballos de Sputnik Labrego, informa a asociación.