Morre o coruñés Julio Mayo aos cen anos

O derradeiro fotógrafo da II República

Julio Mayo, nun retrato de Xurxo Lobato.

Julio Mayo morreu esta cuarta feira en México aos cen anos. Revolucionario antifascista, coruñés, un dos fotógrafos republicanos de maior repercusión, resistente e exiliado.

A entrada da wikipedia española sobre os irmáns Mayo -todos fotógrafos- afirma que estes “emigraron” a México despois da Guerra Civil no buque Sinaia. Refírese aos coruñeses Francisco e Cándido Souza Fernández, o primeiro deles anarquista. Non menciona que o barco fora fletado polo Servizo de Evacuación dos Refuxiados Españois. Tampouco a peripecia de Julio, militante das Xuventudes Socialistas Unificadas, prisioneiro dos fascistas en 1939.

Julio Mayo nacera en outubro de 1917. Á fronte de Foto Souza, estudio fotográfico con sede en Madrid, retratou os días esperanzados e convulsos do inicio da II República. O seu traballo sobre a Revolución de Asturias -1934- situonos no foco do Goberno reaccionario das dereitas. Dúas cousas sucederon a un tempo: mudaron de nome por Foto Mayo e Julio afiliouse ás esquerdas revolucionarias.

 

Ao tempo, o seu labor coa imaxe ficaba recollido nas grandes cabeceiras d época. De El Sol e ABC a Mundo Obrero -órgano do Partido Comunista-, Claridad -periódico da fracción máis á esquerda do PSOE- ou El Socialista. Cando o fascismo se levantou contra a democracia tomou as armas. Pasou polo Guadarrama, Belchite ou Teruel. A derrota dos defensores das liberdades levouno a varios camopos de concentración. Escapou e volveu ser prendido, torturado. Cando saíu de prisión, a finais dos anos 40, exiliouse en México.

 

Cos seus irmáns, retomou o traballo fotografíco. A empresa Hermanos Mayo coverteuse nunha das principais de América Latina. O seu legado, cinco millóns de negativos depositados no Arquivo Xeral da Nación de México. En 2008, o fotógrafo Xurxo Lobato comisariou na Coruña unha mostra das fotos sobre a Guerra Civil dos Mayo. Fora, aos 91 anos, o regreso de Julio Mayo á súa cidade natal.

 

Nota: imaxe de Porta do Sol en Madrid durante a Guerra Civil. Foto Mayo