A Deputación de Lugo reclama o fin do proceso xudicial de Caldaloba
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo encomendou á súa representación xurídica acudir hoxe ao acto convocado polo Xulgado para solicitar a suspensión do procedemento principiado pola Xunta da Galiza e dar inicio á negociación dun acordo que permita avanzar na restauración da Torre de Caldaloba. Aliás, a institución lucense reiterará a súa "vontade de avanzar na salvagarda e posta en valor" deste ben patrimonial, despois de comezar en 2022 a súa incorporación ao patrimonio público coa compra do terreo no que se localiza a metade da fortificación e a parte fundamental do seu sistema defensivo. A Deputación de Lugo recibiu unha comunicación da demanda de retracto presentada pola Xunta.
A Torre de Caldaloba foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, unha figura de protección que atribúe á Xunta da Galiza a responsabilidade da súa protección. Após varios meses de xestións para esclarecer a propiedade e acordar a venda, o 29 de xullo de 2022 a Xunta de Goberno da Deputación aprobou a proposta da compra do predio, para así desenvolver un proxecto de recuperación da Torre e da súa contorna.
O 4 de novembro de 2022, a un día de concluír o prazo do que dispoñía para facelo, a Xunta da Galiza comunica á Deputación de Lugo, a través dun escrito, "a intención de exercer o dereito de tanteo en beneficio do Concello de Cospeito en relación á adquisición do ben coñecido como a Torre de Caldaloba comunicada pola Deputación de Lugo". Desde aquela, o Executivo galego non respondeu a ningún procedemento ou solicitudes realizadas pola Deputación para actuacións de conservación, persistindo "nun bloqueo" que impediu a inscrición da parcela no rexistro da propiedade e calquera outro avance na protección da Torre.
