A Deputación da Coruña presenta as XX Xornadas 'A Cultura é un dereito'
Esta quinta feira tivo lugar a presentación da vixésima edición das Xornadas A Cultura é un dereito da Deputación da Coruña, coa participación da deputada de Cultura, Natividade González, e da comisaria das mesmas, Sara Fraga. O programa decorrerá nun único día, o 28 de agosto, na sede da Fundación PazosCuchillo, en Trasanquelos (Oza-Cesuras, As Mariñas), e inclúe presentacións, mesas redondas, relatorios e un concerto final. O acceso é gratuíto pero as prazas son limitadas, polo que xa está aberta a inscrición na web oficial das xornadas.
A edición deste ano pon o foco na relación entre arte, creación e territorio, tomando a comarca das Mariñas como exemplo de dinamismo cultural. O obxectivo é favorecer o intercambio de experiencias, fortalecer redes entre creadoras, institucións e público e dar a coñecer proxectos que constrúen identidade cultural e comunidade.
González destacou a cultura como “motor de transformación social, cohesión e innovación”, subliñando que estas xornadas "mostrarán como a cultura é un dereito que dinamiza os territorios e crea emprego”. Pola súa parte, Sara Fraga salientou que o encontro servirá para “coñecernos, tecer redes e reflexionar sobre o papel da arte onte e hoxe, a viabilidade de vivir da creación e o potencial cultural das Mariñas”.
A programación
O programa comezará ás 9.45 horas coa acreditación e benvida institucional, seguida dunha visita guiada á exposición da Fundación e dun relatorio sobre a realidade socioeconómica da comarca.
A mañá continuará cun coloquio sobre espazos de creación como o Centro Internacional da Estampa Contemporánea (CIEC), a Libraría Biblos, Espazo Vaina, o Mosteiro de Bergondo e o Espazo BAM. Pola tarde intervirán creadoras e creadores como Carlos Pazos, Pedro Lamas, Antía Yáñez, Correa Corredoira, Iria Fafián, Isabel Durá, Sabela Caamaño e SaraSal.
A xornada porá o ramo coa crónica do día a cargo do escritor Xesús Fraga, as conclusións de Sara Fraga e un concerto dos grupos Altalaplana e Furallefalle.
