Tres décadas que converteron Lugo en epicentro do jazz
O vindeiro mes de novembro o Festival de Jazz de Lugo sumará tres décadas levando este estilo á cidade da muralla. Alberto Grandío forma parte do grupo de amigos que se lanzou a organizalo. "Eramos uns tolos amantes do jazz", narra en conversa con Nós Diario.
Eramos un grupo de tolos, amantes do jazz, narra Alberto Grandío
O primeiro festival, segundo Grandío mesmo, foi "moi modesto". "Eu tiña moita relación con Tenerife, con Canarias, coñecía moitos músicos de alí e pedinlles que viñesen tocar", agrega. Sen financiamento algún, os cartos que arrexuntaron serviron para sufragar o custo das pasaxes de avión, as comidas e mais o aloxamento.
Para complementalo, Grandío procurou salas nas que puidesen tocar. Un dos espazos que os acolleu foi a prisión de Bonxe, no concello de Castro de Rei. "Tiña un amigo educador no centro penitenciario e a través del deron un concerto alí, foi a primeira e a última vez", conta o dono da sala Clavicémbalo, que por dereitos propios tamén se converteu nunha referencia da música na Galiza.
Nos comezos estabamos na facultade de maxisterio e xuntabamos a un cento de persoas, lembra o dono da Clavicémbalo
Unha mostra da acollida do público é o crecemento e consolidación deste evento ao longo de trinta anos. "Nos comezos estabamos na facultade de maxisterio e xuntabamos un cento de persoas, agora sumando os asistentes de todo o festival podemos alcanzar as 7.000 persoas", asegura Grandío.
Para o rexente da Clavicémbalo, a raíz do seu éxito radica no "agarimo e no amor" depositados na organización deste evento. "Pasaron pola cidade de Lugo moitos músicos de primeira fila, é un orgullo para nós", agrega.
Referente
A lista de participantes deste festival é longa, mesmo o propio Grandío dubida á hora de lembrar algúns dos nomes que máis o marcaron. Na entrevista xorden os de Silvia Pérez Cruz a dúo con Javier Colina, o guitarrista Mike Stern ou o pianista Danilo Pérez. "De celebrar un festival con todos os músicos que pasaron por aquí sería un dos mellores do mundo", di.
O noso obxectivo sempre foi facer desfrutar ao maior número de persoas posíbeis, conclúe Grandío
A trinta edición deste festival, que decorrerá no mes de novembro, preséntase agridoce. "Celebrarémolo felices, pero tamén tristes por ter que restrinxir a afluencia, o noso obxectivo sempre foi facer desfrutar ao maior número de persoas posíbeis", asevera Grandío.