David Chao pon de relevo a mestría do románico da Catedral de Santiago
O ciclo Iconografía e Arquitectura na Catedral de Santiago de Compostela, s. XI-XV, organizado pola Asociación Cultural O Galo, inaugurouse esta cuarta feira coa palestra "A Arquitectura románica da Catedral de Santiago", impartida por David Chao, e cunha visita, guiada por este profesor de arte medieval na Universidade de Santiago, ao interior da catedral.
Chao, en conversa con Nós Diario, declara que ten o máximo interese observar a arquitectura románica da Catedral de Santiago concibida como "unha resposta directa a necesidades funcionais, litúrxicas, lumínicas e acústicas". Explica que a monumentalidade do templo non foi casual, senón "unha estratexia deliberada para atraer peregrinos e situar a Compostela como gran meta da cristiandade europea, ao nivel de Roma ou dos Santos Lugares, mesmo antes da redacción do Códice Calixtino".
O experto sinala que, aínda que se utilizaron modelos construtivos e solucións arquitectónicas do territorio francés, como os de Conques ou Toulouse, en Santiago "estas ideas foron implementadas e melloradas, axustándose ás necesidades locais da peregrinación". Subliña tamén os condicionantes físicos que marcaron a obra, como a complexa xeografía da ladeira do monte sobre a que asenta, o que obrigou a solucións técnicas complexas como a cripta para o Pórtico da Gloria.
Finalmente, Chao destaca o papel fundamental do material: o granito. Esta pedra, moito máis dura que a caliza francesa utilizada noutras latitudes, obrigou aos mestres e obradoiros estranxeiros a adaptarse a un traballo de labra moito máis esixente. Non obstante, esta dureza non só garante a excepcional perdurabilidade do edificio, senón que lle confire "un forte simbolismo alegórico vinculado á idea de eternidade". En definitiva, a catedral reflicte unha ambición que conxugou o sentido europeísta coas particularidades do territorio galego.