Darío Xohán Cabana recibe a homenaxe da Asociación de Tradutores Galegos

Da súa man chegaron ao galego a Divina Comedia e a Vida nova de Dante, o Cancioneiro de Petrarca ou Os tres Mosqueteiros de Dumas. A Asociación de Tradutores Galegos recoñece coa súa homenaxe anual o papel de Darío Xohán Cabana á hora de incorporar á nosa lingua obras literarias do patrimonio universal. 

Darío Xohán Cabana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Darío Xohán Cabana

A Asociación de Tradutores Galegos destaca na súa homenaxe anual celebrada arredor do Día da Tradución o traballo de Darío Xohán Cabana á hora de verquer ao galego obras clásicas do patrimonio literario da humanidade cun “coidado labor e sensibilidade poética”.  O acto de homenaxe terá lugar no salón de plenos de Lugo, a súa cidade, o día 23 ás 20 horas  e nel intervirán Marica Campo e Paco Martín, o presidente da Asociación, Xavier Senín e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco. 

A obra do escritor Darío Xohán Cabana ten merecido numerosos recoñecementos, máis dunha ducia de premios entre os que se atopan o de Poesía Cidade de Ourense, o Xerais de novela, o Barco de Vapor, o Cidade de Lugo ou o Martín Códax. Autor de títulos como Galván en Saor, O cervo na Torre ou Morte de rei, o escritor desenvolveu unha sólida traxectoria en poesía e narrativa mais tamén en tradución, faceta que agora recoñece a Asociación de Tradutores Galegos ao facelo protagonista da súa homenaxe anual. 

Como tradutor, da man de Darío Xohán Cabana chegaron á nosa lingua a Divina Comedia de Dante, o Cancioneiro de Petrarca, a Vida nova de Dante, a Antoloxía do Dolce Estilo Novo, Os trobadores da Occitania ou Os Tres Mosqueteiros de Alexandre Dumas. Polo Cancioneiro de Petrarca recibiu xa o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega á mellor obra traducida en 2012. 

Fernando Pérez-Barreiro Noia, Marilar Aleixandre, Valentín Arias ou Henrique Harguindey recibiron en edicións anteriores a homenaxe anual da Asociación de Tradutores Galegos.

Comentarios