Dakidarría, Flow do Toxo, Abaixo cu Sistema e Boikot, primeiras confirmacións para a Candeloria 2025
A Candeloria volve a Lugo os días 4 e 5 de abril e xa ten o cartel a piques de completarse. Os grupos galegos Dakidarría e Flow do Toxo anunciáronse o día de onte, xunto á banda portuguesa Abaixo cu Sistema —tributo a System of a Down— e Boikot. Estas confirmacións únense ás publicadas nas redes sociais do festival durante a última semana: Kaos Urbano, Lendakaris Muertos, Sara Socas, Koma e Sons of Aguirre. Desde a organización destacan que este é o primeiro avance, xa que queda programación por desvelar.
O evento volverá a tomar como palco o Pazo das Feiras e Congresos de Lugo, como xa fixeron o pasado 30 de novembro co novo festival Pista Extra.
Abaixo cu Sistema
Alén das actuacións dos galegos Dakidarria e Flow de Toxo, un dos principais principal reclamos musicais desta segunda fornada de grupos que estraán en Lugo será a banda portuguesa Abaixo Cu Sistema, tributo a System of a Down, que conta cunha longa traxectoria musical, incluídas varias actuacións nun dos festivais máis potentes da Galiza: o Resurrection Fest.
O éxito de Pista Extra
A Candeloria, un evento xa consolidado no panorama musical de Lugo, creou este mesmo ano Pista Extra, un novo festival para a cidade amurallada que engade máis concertos a un evento que xa é referencia para quen segue de perto a música rock, rap, ska ou punk.
A nova iniciativa, que decorreu o pasado 30 de novembro, conseguiu encher o Pazo das Feiras e Congresos de Lugo con 3.000 persoas. Nesta primeira edición participaron, entre outros, El Drogas, Non Servium e a banda Def Con Dos, que elixiu a Galiza para dar o seu último concerto da xira 'Mutantes pal Pueblo', coa que repasaron as cancións máis emblemáticas dos máis de 30 anos de traxectoria da banda. Desde a organización apuntaron que a experiencia "foi marabillosa, polo ambiente que había e polo público".