Curtocircuíto: máis de 130 filmes á marxe da corrente principal
Na sección oficial de Curtocircuíto competirán 38 filmes. Unha ducia farano dentro de Planeta GZ. E sete en Penínsulas. Haberá unha retrospectiva do cineasta, e teórico, austríaco Peter Tscherkassky, vangardista e crítico das novas tecnoloxías. O fotógrafo ensaísta catalán Joan Fontcuberta disporá dunha “carta branca” para programar ao seu gusto. E Kevin B. Lee combinará as súas propias tentativas cinematográficas coa obra do radical cineasta alemán Harun Farocki.
Mais a ampla oferta de Curtocircuíto inclúe tres intres de singular relevo:
Homenaxe ao Equipo Lupa. Unha sesión programada polo Cineclube de Compostela lembrará o traballo dos pioneiros do cinema galego agrupados en Lupa, co dramaturgo Euloxio R. Ruibal á cabeza. Será unha das primeiras ocasións de ver as súas obras, documentais e etnográficas, pero tamén ficción, en público desde os anos 70.
O que arde. A aclamada terceira longametraxe de Oliver Laxe terá no Curtocircuíto unha das preestreas galegas. Asistirán o propio director e os dous actores protagonistas, Amador Arias e Benedicta Sánchez.
Blixa Bargeld. Hai xa varias edicións que o Festival Curtocircuíto conta cun intenso programa musical paralelo. Nesta ocasión a estrela do mesmo será un músico, pero que comparece como performer: o alemán Blixa Bargeld. Membro da mítica banda de rock industrial Einstürzende Neubauten e, durante unha longa tempada, guitarrista de Nick Cave & the Bad Seeds, ofrecerá en Compostela un experimento vocal. Será o 5 de outubro no Salón Teatro.
O Curtocircuíto é unha iniciativa do Concello de Compostela co apoio da Deputación da Coruña, a xunta e o Goberno español. Os seus escenarios e salas repártense entre o Teatro Principal, a Sala Numax, o Salón Teatro, o edificio Abanca en Cervantes, o CGAC, a Sala Capitol e a Biblioteca Ánxel Casal.
Nota: cartaz do Curtocircuíto 2019.