Curtocircuíto dará o premio Atlas a Lucile Hadžihalilović recibirá o premio especial Curtocircuíto Atlas
O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto inaugura este ano o premio especial Curtocircuíto Atlas, dirixido a recoñecer filmografías innovadoras e arriscadas. Nesta primeira edición será concedido a Lucile Hadžihalilović, unha das voces máis singulares do cine contemporáneo. O Festival proxectará parte da súa obra e realizará un encontro entre a cineasta e o público, conducido pola xornalista madrileña Elsa Fernández-Santos.
Nada en Francia e criada en Marrocos, Hadžihalilović iniciou a súa carreira na década de 1990 fundando a produtora Les Cinémas de la Zone xunto a Gaspar Noé, con quen colaborou en títulos como Carne, Seul contre tous e Enter the Void.
En 1996 debutou como directora con La bouche de Jean-Pierre, seleccionada en Un Certain Regard (Cannes). A súa primeira longametraxe, Inocencia (2004), valeulle o Premio á Mellor Dirección Novel en San Sebastián, festival no que foron tamén premiados os seus seguintes traballos, Evolution (2015) e Earwig (2022). O seu cuarto filme, The ice tower, protagonizado por Marion Cotillard, estreouse no pasado Festival de Berlín.
A retrospectiva incluirá La bouche de Jean-Pierre (1996), unha dura e delicada visión da infancia marcada pola violencia; Nectar (2014), unha peza sen diálogos que explora o feminino e os rituais corporais desde unha estética sensorial; e De Natura (2021), unha obra abstracta que trata da relación entre natureza, corpo e percepción.
A través da infancia, o corpo e a metamorfose, a súa obra reflexiona sobre os conflitos soterrados da sociedade contemporánea: a vixilancia, a perda da inocencia, as estruturas de control institucional e a violencia simbólica. Nun presente dominado pola incerteza, as súas películas convértense en espellos que apuntan a desorientación colectiva da sociedade.