Cinco curtas na nova edición do ciclo de Ficciónate

O ciclo de cinema galego de curta duración Ficciónate vén de presentar os cinco filmes seleccionados para a súa nova edición. Desta vez, o xurado contou coa participación de Adriana Páramo e Pablo Cacheda, directores de Illa Pedra e Superpunky, El Musical, dúas das curtametraxes participantes no pasado ano.

thumbnail_Quinta Provincia
photo_camera Fotograma da Quinta Provincia, de Miguel Conalejo.

Matria, Quinta provincia, Perversa Lola, Lurna e Zugzwang son as curtametraxes escollidas para a terceira edición de Ficciónate. Matria, de Álvaro Gago, pretende desterrar o “falso mito” do matriarcado en Galiza. A cinta, gañadora do premio do xurado en Sundance, comparte cartel con Quinta Provincia, unha curta de Miguel Conalejo que narra a estadía de catro galegos en Madrid.

Perversa Lola, de Sonia Méndez, conta a perigosa historia entre un home e unha muller separados. Nani Matos participa con Lurna, unha curta sobre racismo e abuso. Por último Diego Markwalder, alumno da Escola de Imaxe e Son de Vigo, presenta Zugzwang, unha curta sobre a vida de Bruno, que vive á marxe de toda responsabilidade ata que coñece a Nerea. "Zugzwang" é o nome referido para a posición de xadrez na que calquera movemento supón empeorar a situación do xogo.

Ficciónate é unha iniciativa da produtora Abella Creativa creada co fin de impulsar a industria audiovisual galega. A idea xorde da necesidade de achegar obras de pequeno formato ao gran público, alén de festivais e certames. Cunha orientación instructiva, cada sesión de Ficciónate conta cun coloquio posterior cos directores, produtores, músicos e outros profesionais do proxecto.

Comentarios