De cunchas a versos, os tattoos en galego bolen na rede

A imaxinación agroma a rente da pel nos tatttoos en galego que está a recibir o facebook do Clube da Lingua do IES Marco do Caballón de Vila de Cruces. Unha iniciativa de grande suceso. 

TATOO2

Que a “Alborada” de Rosalía pode ser tatuada no corpo? Pode, como versos de Lupe Gómez, como o escudo de Castelao, Torre de Hércules en tamaño XL, unha gaita ou un feixe de percebes. Algunhas imaxes requintadas como as que mostran ombreiros adornados con delicadas pandeiretas ou plumas con versos e outras facendo gala de certa tendencia kitch nunha cuncha de vieira con bandeira nacional e a lenda “miña terra galega”. Haber hainos e iso é o que lle interesa ao Clube da Lingua do IES Marco do Caballón de Vila de Cruces, identificalos, que alguén os fotografe e mostrar as persoas que se gaban de levar a lingua, e tamén o país,  na pel para toda a vida.

“Olá, boas, déixovos o meu tattoo grazas a unha amiga que me dixo do voso concurso. É unha gaita coas iniciais de meus pais e meus irmáns. Espero que vos guste e noraboa pola iniciativa”, escribe Santi Varela, a nova incorporación á colección de tatuaxes que xa pendura do facebook do Clube da Lingua. 

Sonia, de Vilagarcía, manda un tattoo musical cunha ferreña e unha copla, ela que leva desde os 18 anos cantando e tocando a pandeireta con tanta intensidade que quere mostralo no seu propio corpo. “A copla é unha das que cantamos no meu grupo e síntome identificada con ela, ademais de parecerme preciosa”, explica. Delicadísima tatuaxe como as de Candela e Comba, dúas irmás que comparten pintada na pel en homenaxe a unha persoa moi importante nas súas vidas, a súa avoa. “Un anxo no ceo”, lese nos seus brazos. 

“O voso proxecto paréceme cheo de interese, sobre todo porque buscades formas actuais da identidade galega, o que lle dá vitalidade e interese. Facedes dialogar pasado e presente e non vos quedades ancorados nunha identidade só de pasado como se as culturas e os povos foran algo estático e fixo”, afirma o antropólogo Marcial Gondar no propio facebook do Clube da Lingua que estes días ferve de visitas e novas incorporacións de imaxes das máis diversas partes do corpo.

Imaxinación e emoción

Imaxinación e emoción poderían ser as claves dunha boa tatuaxe, á vista do que chega ao catálogo do concurso. Para se imprimir no corpo unha lenda ou unha imaxe para toda a vida ten que dicir moito de quen a porta. "Ás veces a vida pode ser tan sinxela coma unha caña e un bo amigo", lese na de Miguel López. “Está feita con letra tipo "máquina de escribir" e como saberán, pola tinta ou por cargar máis na tecla había letras que quedaban moito máis marcadas que outras. Pois ben, todas as letras que se ven con máis tinta son iniciais ou letras pertencentes a nomes de amigos meus”, explica Miguel López que recolle unha das vocacións dalgunhas das tatuaxes de toda a vida, levar canda quen a porta para sempre o recordo da xente á que se quere.

Acontece tamén co merliño de David Rodríguez. "Boas, esta tatuaxe que vos mando é a tatuaxe dun merlo que eu me fixen polo recordo do meu avó xa que así era como o chaman, como chaman a meu pai e como me chaman a min, e o merlo é unha imaxe bastante boa de Galiza, por iso penso que esta foto estará ben nese álbum de fotos", comenta o tatuado.

Unha muller imaxinada polo artista Leandro Lamas foi a que Silvia Mella decidiu estampar no seu brazo. "Para min simboliza moitísimas cousas, non sei se sabería explicalas todas, porén todas teñen que ver cunha muller espida e brava, independente, sen medos e sobre todo libre!", explica, ao tempo que anota que o autor non sabe nada do seu brazo. “Se estás por aí, manifesta-te... Por favor!”, invocan desde o Clube da Lingua. Lamas non tarda en responder a través dun comentario: “Estou encantado, emocionado, agradecido, alucinado...”. E as tatuaxes seguen a chegar...

Comentarios