A área da Cultura da Deputación da Coruña convoca o III Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza

Responsábeis de proxectos escollidos en edicións anteriores, nunha foto de arquivo. (Foto: Deputación da Coruña)

O prazo de presentación de propostas estará aberto entre o 10 de xaneiro e o 11 de febreiro de 2025. Repartirá 200.000 euros entre os 15 proxectos seleccionados: 20.000 para cada un dos tres mellor puntuados, 14.000 para os cinco seguintes e 10.000 euros para os sete restantes.

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña renova a aposta por unha das liñas de traballo estrela da súa programación, o Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza.

Esta iniciativa chega en 2025 á súa terceira edición para seguir contribuíndo á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval da Galiza.

Entre o 10 de xaneiro e o 11 de febreiro do ano que vén estará aberto o prazo de presentación de proxectos, dos que se escollerán os quince mellores, polos vinte premiados en 2021 e 2023. Mantense a dotación do Fondo: 200.000 euros, repartidos agora deste modo: 20.000 euros para cada un dos tres mellor puntuados, 14.000 para os cinco seguintes e 10.000 para os sete restantes.

Nesta terceira edición o certame porá o foco en dous ámbitos de contido: o primeiro, os proxectos centrados na posta en valor patrimonial, turístico e socioeducativo do pasado medieval de lugares, vilas e cidades da provincia da Coruña, a través da actualización do seu relato histórico contextualizado no marco do Reino da Galiza; o segundo, os proxectos centrados na difusión e posta en valor de figuras concretas do noso pasado medieval.

Só se poderán presentar ao certame propostas que se vaian desenvolver do 1 de xaneiro até o 31 de decembro de 2025, e sempre na provincia da Coruña.

"Con esta convocatoria, damos un terceiro paso, e non pequeno, para combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado da Galiza", explica a deputada de Cultura, Natividade González. "A sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade cara ao futuro".

Para González, figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou García, a revolta burguesa das Irmandades contra o poder feudal dos señores ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real "son algúns dos moitos elementos que nos interpelan aínda hoxe como sociedade, á espera de por medio deles podérmonos coñecer, recoñecer e interpretar de maneira máis consciente e rigorosa, á marxe de caricaturas ou paradigmas instalados durante séculos".

Os proxectos presentaranse de modo telemático na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica Subtel.