A Coruña estrea a I Feira de Discográficas Independentes

Imaxe gráfica da feira.
Esta fin de semana na Fundación Luís Seoane

Diske Disco nace como unha feira dedicada exclusivamente á actividade e edicións de selos discográficos independentes galegos que se estrea hoxe e mañá na Fundación Luís Seoane da Coruña. Os organizadores -da Asociación Cultural Distant Sounds, da Coruña, responsábeis da organización dos concertos Sofar Sounds- confían en que o encontro se converta nun foro no que discográficas, artistas e público poidan intercambiar puntos de vista sobre a actividade musical e crear sinerxías que activen o mercado. 

Dez discográficas participan nesta primeira edición: Ferror Records, La Familia Revolucion participan, Uterzine, Sounds Like Sunday, Radix Records, CGTH, Pim Pam Records, El Beasto, Freeky Dicky e Tualmonteyoalmar. 

"O sector da música quedou moi tocado despois da pandemia", explica Carolina Martínez, da organización, en conversa con Nós Diario, "e pretendemos que a Feira lle proporcione aos selos un espazo que sirva de canle para crear redes de apoio, un escaparate onde amosar os seus produtos e que visibilice as súas iniciativas". 

"As independentes presentan propostas moi interesantes que van máis alá do xa coñecido e repetido", matiza Martínez. Ao longo da fin de semana, a feira contará con showcases de promoción das bandas, sesións de picadiscos e unha palestra sobre a edición musical independente, que tratarán de mostrar a variedade e a singularidade destes proxectos, que cobren un extenso abano de estilos 
e tendencias.

"Non nos pechamos a ningún estilo", declara Martínez. "Dentro da oferta dos selos participantes pódese atopar metal, electrónica, indie... Isto non vai de tendencias, vai de música".