As Cores de Outono volverán encher de música folk a Pobra do Brollón

Xabier Díaz. (Foto: Arxina)
O festival acollerá actuacións como a de Xabier Díaz e Carmela.

Este sábado A Pobra do Brollón (Terra de Lemos) celebrará a undécima edición do festival As Cores de Outono. Os concertos do evento, organizado polo Concello, comezarán á noitiña na área recreativa de Samugueiros, un espazo natural de referencia no municipio.

Alí, ademais das actuacións, o público poderá gozar dunha ampla oferta gastronómica, así como visitar postos de artesanía local, nun ambiente pensado para todas as idades. Para ir quecendo motores, ás 18 horas ofrecerase un obradoiro de baile tradicional a cargo de Gabi Reboredo, para o que é preciso inscribirse con anterioridade no teléfono do Concello.

Aliás, na sexta feira terá lugar a presentación do libro-CD Concha do Canizo. Este pandeiro que toco de Xulia Feixoo. O festival, consolidado xa como unha das grandes citas da música folk do país, aposta un ano máis en combinar tradición e innovación cun cartel que reúne tres propostas moi potentes: Carmela, Lideira e Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre.

O recoñecido músico Xabier Díaz, cunha traxectoria de máis de tres décadas na escana galega, ofrecerá un espectáculo onde a música tradicional convidará ao baile colectivo, un dos sinais de identidade do seu proxecto artístico. Do mesmo modo, Carmela, trío formado por Carme López, Camille Hedouin 'Mounqup' e Sara Méndez, recupera a tradición oral transmitida por xeracións de mulleres e dálle unha nova vida ao mesturala con sonoridades contemporáneas.

Pola súa parte, Lideira, formación composta por Lois Prado, Gabi Reboredo e Sara Méndez, propón unha fusión de voces, percusión e ventos que destaca pola súa forza expresiva e pola capacidade de conectar co público a través da danza e das súas harmonías.